O prato estrela prepararase con 130 quilos de carne e preto de 80 quilos de garavanzos // O día 20 remata o prazo para obter as entradas
Laura Moure/Silleda
O sabor dos callos e a música tradicional volverán o vindeiro sábado día 22 de abril a parroquia silledense de Ansemil Martixe, despois de varios anos de parón por mor da pandemia . A Festa dos Callos e a Foliada da Pereiriña celebran o seu oitavo aniversario consolidadas xa no calendario festivo do municipio de Silleda. Os membros da Asociación Veciñal e Cultural de Ansemil-Martixe e da Asociación Cultural e Musical Gaiteiros da Pereiriña presentaron hoxe no Centro Social da localidade esta nova edición nun acto ao que asistiron o alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Turismo e Cultura, Mónica González.

Para a celebración da cita haberá carpa pechada e aparcadoiro gratuito. O menú estará composto por empanada, callos, pan, viño, postre e café. O prezo é de 15 euros (para nenos/as ata 12 anos custa 10 euros). As entradas para asistir poden mercarse en Martixe (Taberna de Isabel de Ubaldo); O Castro (Bar Sanse); en Silleda (no Bodegón de Esther) e tamén na Bandeira (Bar Arume , A Taberna do Músico e Mercamella).
As persoas interesadas en facer reservas ou recibir máis información poden chamar
aos números de teléfono 626 913 655 e 615 958 969. O prazo para reservar entradas remata o xoves 20 de abril.
Programa musical
A cita comezará con música arredor das 13:00 horas, a cargo do Grupo de Acordeóns da Escola de Música Municipal de Silleda e Pau de Buxo, de Saídres e continuará ata a noitiña. Na Foliada, a partir das 17:30 horas actuarán o grupo anfitrión –os gaiteiros da Pereiriña- os grupos de gaitas de Xirandola e da EMUSI de Silleda, as pandereteiras Ponte da Prata e o grupo Charaviscas. A xornada remataá coa actuación do Dúo Punto Cero.
“Quixemos facer da xornada un punto de encontro para os veciños da zona e ao mesmo tempo ampliar a oferta gastronómica do municipio, e despois de tres anos sen celebración agardamos volver a celebrar esta festa con éxito”, engaden dende a organización, que agradecen o apoio tanto do Concello de Silleda e da Deputación de Pontevedra como das distintas empresas e firmas colaboradoras.
Os membros da asociación teñen previsto preparar o seu afamado prato con 130 quilos de carne (100 quilos de pata, 10 quilos de ventre, 10 de panceta e outros 10 de chourizo) e preto de 80 quilos de garavanzos.
Dende o Concello de Silleda o alcalde felicitou aos colectivos organizadores “por acadar en pouco tempo con traballo e esforzo un grande éxito”, dixo, e destacou a unión dos veciños para “consolidar definitivamente o sabor dos callos e voltar co novos brios despois destes anos de paréntese”.
Comments