A Festa do Lacón de Silleda celebrará a súa 26 edición o vindeiro venres 10 de xullo
- Laura Moure

- 13 jun
- 2 min de lectura
A cita presentouse este venres cun orixinal cartaz que rende homenaxe ao 50 anos da SD Silleda
Laura Moure/Silleda
A Festa do Lacón voltará a Silleda o vindeiro venres día 10 de xullo, xornada festiva local no municipio, poñendo sabor ás festas de verán da localidade que arrancarán o día anterior. A Asociación Cultural O Lacón deu a coñecer onte o cartel da cita que seguindo ca liña temática dos últimos anos, nesta ocasión rende homenaxe aos 50 anos do club de fútbol da vila, a SD Silleda, cun cartel deseñado por Ángel Llorente, membro da directiva.
Así mesmo, na presentación celebrada onte no salón de actos do Concello, a Asociación Cultural O Lacón rendiu homenaxe ás panaderías que levan asado centos de lacóns durante estes anos para a celebración. “Non hai palabras para agradecer o voso apoio e traballo”, sinalou dende a entidade organizador Luis González Abal.

O presidente da entidade, Arturo López, e a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, entregaron senllas placas de agradecemento a Manuel Bouzada (panadería Bouzada) e Luis Mella e Alicia Villamayor (de Panadería Luis Mella). “Este é sen dúbida unha homenaxe deste pobo a todo un colectivo”, indicaba a alcaldesa, Paula Fernández, que destacou o traballo realizado pola Asociación do Lacón, e o que significa a festa que cumprirá 26 anos de historia o vindeiro 10 de xullo. Para a celebración deste ano a entidade tamén contará coa colaboración de Culinaria, onde se asarán a maior parte dos lacóns este ano.
Tamén agradeceron a colaboración de institución e empresas, nun acto especialmente emotivo para antigos membros da entidade que deixan a asociación, como José Manuel Crespo, e para colaboradores e fundadores da celebración xa falecidos como Ricardo Troitiño, José Mella, Isabel de Callobre, José Somoza, e Alfredo Ramos “Tolino”.
PUBLICIDADE
Programa da xornada e venda de lotes
A 26 Festa do Lacón, comezará pola mañá cunha degustación popular e a actuación do grupo de música e baile tradicional Aires de Trasdeza, do Colexio María Inmaculada, e do grupo de Gaitas e de Acordóns da Escola de Música, así como a animación nas rúas da charanga Os Atrevidos.
Xa pola tarde, ademais da citada charanga, terá lugar na praza Juan Salgueiro a actuación da Banda de Música Xuvenil de Slleda, como preludio da cea (22:00 horas) na que se agardan 1.500 persoas.
PUBLICIDADE
Na presentación, á que tamén asistiron representantes de toda a corporación, da Banda de Música de Silleda, e da SD Silleda e a Escola de Fútbol, tamén se anunciou a posta á venda inminente das entradas para asistir á cea.
As reservas estarán á venda Bodegón Esther, e Estanco Edicta. Cada lote (para 5 persoas) custa 90 euros e inclue un lacón (asado ou cocido), viño, pan, queixo, marmelo, unha botella de mencía, un bolo de rosquillas, e café. Para a ocasión prepararánse 300 pezas de lacón, das que 200 serán asadas e 100 cocidas.








Comentarios