top of page

A Festa do Galo de Curral de Cruces reafirma o seu éxito cun cheo absoluto e Carlos Baute como estrela

“Gozarás do Galo de Curral por riba de tódalas cousas, porque un sabor coma este non se atopa en ningunha outra parte do mundo”, sinalou a pregoeira, María Mera


Laura Moure/Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces celebrou este domingi o día grande da súa XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral, declarada Festa de Interese Turístico Galego, en medio dun gozoso ambiente que reuniu a unhas 3.000 persoas de toda a comarca. O alcalde, Luís Taboada, compartiu “orgulloso” coa veciñanza e visitantes a celebración desta efeméride, “o acontecemento gastronómico, económico e social máis importante da vila”, destacou.

Numeroso público ateigou a carpa este domingo. Autor: Ecos da Comarca.
Numeroso público ateigou a carpa este domingo. Autor: Ecos da Comarca.

Nas palabras que compartiu co público non quixo perder a oportunidade de agradecer o traballo de tantas persoas: ao grupo de goberno, aos traballadores do Concello, aos criadores e a todos os grupos locais participantes, destacando especialmente o labor

da concelleira de Cultura, Noemi Lois, pola súa entrega, compromiso e elevada dedicación na organización dun evento desta natureza.


Lois, que dirixe esta competencia desde hai uns meses, emocionouse ante o público que ateigaba a praza. “Teño que recoñecer que hoxe vivo esta festa dun xeito especial, logo de asumir a delegación de Cultura. É un reto que collo con responsabilidade, pero tamén con moitísima ilusión. Creo sinceramente que as cousas saen mellor cando se constrúen en equipo e con humildade, sabendo que nunca se deixa de aprender”, segundo declarou Lois, consciente de que é imposible que todo saia perfecto. “A mellor recompensa é todo o traballo que hai detrás, onde quixemos coidar cada detalle, para o maior gozo de todos vós, que sentides como propia esta festa tradicional”, destacou a concelleira, que finalizou a súa intervención convidando á xente a desfrutar do día.


A xornada comezou con pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos ‘O Arco de Merza’ e ‘Vai Nela de Salgueiros’, a exhibición de coches antigos a cargo da Escudería Clásicos O Toxo, e a actuación do grupo local ‘Xuntounos Ela’.

O alcalde con María Mera, a pregoeira.
O alcalde con María Mera, a pregoeira.

Xa sobre o escenario da Praza do Concello, a xornalista cruceña Mercedes Seijo, presentou a esperada pregoeira, a actriz, xornalista e presentadora de TV María Mera, que se honrou en presentarse coma “unha nena de aldea”, á vez que manifestaba a súa “ledicia, orgullo e emoción” por debutar no Galo facendo o pregón. “Non podo mirar a Vila de Cruces sen que me medre o peito ao recordar a meu pai, que nos deixou hai catro anos. Moitos de vós coñeciades a ese home; era albanel, traballou arreo nesta zona e deixou a súa pegada en moitas das vosas paredes e tellados. Se el me vira hoxe aquí, entre tantos veciños que o querían e respectaban, seguro que botaba unha bágoa de orgullo e, despois, pediríame unha boa ración de galo!”, tal como se refería á memoria de seu pai.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

“Porque eu son, con moita honra, unha nena de aldea. Criada en Boqueixón e Vedra, e sei ben o que é pisar a terra e valorar o noso. Alí meu pai cultivaba as patacas, coidaba a horta e criaba os animais coas súas propias mans. E hoxe que estamos aquí para gabar o galo de curral, hai que dicilo alto e claro: o sabor da carne dun animal criado na casa, sen présas, alimentado como Deus manda, non ten absolutamente nada que ver co que compras en calquera bandexa de plástico de supermercado. Iso non é carne, iso é outra cousa! O de hoxe si que é un manxar de reis!”, engadía con entusiasmo. E, de seguido, enunciou os dez mandamentos da Festa do Galo.

1) Gozarás do Galo de Curral por riba de tódalas cousas: porque un sabor coma este non se atopa en ningunha outra parte do mundo.

2) Non tomarás o nome do galo en van: se é de Vila de Cruces, respéctase coma se fose da familia.

3) Santificarás as festas na compaña de Carlos Baute: hoxe que temos ao gran Carlos Baute animando o día, hai que dalo todo bailando e cantando.

4) Honrarás a teu pai, á túa nai e á xente da terra: coma ao meu pai albanel, e tódolos traballadores que fixeron grande este concello.

5) Non mercarás bandexas de supermercado habendo curral: porque o plástico non alimenta a alma e o noso galo si.

6) Abolirás as présas na cociña: o bo galo quere paciencia, millo do país e o agarimo que lle daban as nosas avoas.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

7) Non cobizarás o prato do veciño: pide a túa propia ración e non lle quites o anaco ao que tes ao lado, que hoxe hai para todos.

8) Visitarás Vila De Cruces e as nosas aldeas: para non esquecer que na Natureza está todo o importante. E que debemos coidala e protexela, e por suposto presumir dela.

9) Non dirás falsos testemuños sobre as dietas: hoxe non se contan as calorías, hoxe cómese con orgullo e móllase pan sen remordementos!

10) Non desexarás outra festa que non sexa esta: porque despois de probar o noso galo e vivir este ambiente, calquera outra celebración parecerache pouca cousa.


Seguindo coa crónica da festa, ao mediodía chegou o gran espectáculo musical coa actuación de Carlos Baute, recén chegado da Arxentina, cunha Praza do Concello totalmente repleta de público que gozou dos seus ritmos latinos e os seus éxitos internacionais.

Carlos Baute durante o seu concerto. Autor: Ecos da Comarca.
Carlos Baute durante o seu concerto. Autor: Ecos da Comarca.

Todos os artistas invitados, a presentadora, os organizadores da exhibición de coches antigos e os representantes da Asociación de Criadores de Galo de Curral recibiron de mans do alcalde Taboada e a concelleira de Cultura, Lois Blanco, unha placa conmemorativa da súa participación nesta edición.


Ademais da música, a compoñente gastronómica acaparou a atención e os padais da xente, coa exhibición de 50 exemplares vivos e un punto de venda con 40-50 exemplares mortos. Por suposto, tamén houbo a ocasión de probar o galo, cunha degustación de tapas elaboradas polo cociñeiro e veciño de Cruces José Antonio Asorey Torres, onde se repartiron máis de 500 racións de galo de curral.


O programa da festa finalizou coa música de verbena da orquestra Capitol. (NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS REPORTAXE EN VÍDEO).

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page