A Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda, centro neurálxico do Six Days de Enduro 2024
- Laura Moure

- 15 oct 2024
- 2 Min. de lectura
Reúne ata o sábado a 600 pilotos de 30 países
Laura Moure/Silleda
A Feira Internacional de Galicia ABANCA é estes días o epicentro do NOCO ISDE Galicia 2024 – International Six Days of Enduro ISDE, os Seis Días Internacionais de Enduro 2024, un dos eventos mundiais máis importantes do motociclismo, que ten a súa orixe no ano 1913. Promovida pola Federación Internacional de Motociclismo (FIM) e a Real Federación
Motociclista Española (RFME) e organizada polo Motoclube Móvete na Moto e a Federación Galega de Motociclismo (FGM), esta competición desenvolverá a súa 98
edición desde hoxe ata o sábado 19 de outubro, sendo esta a primeira vez na súa historia que se celebra en Galicia e a quinta en España.
O evento reúne a 600 pilotos de 30 países e 3.000 membros da organización e equipos auxiliares, xerando un impacto directo próximo aos 6 millóns de euros. Conta cun plan especial para reducir as molestias e impactos nas zonas de tránsito e ligazón cun conxunto de actuacións específicas e de reforzo para minimizar os potenciais efectos ambientais, que se suman ás xa previstas para o conxunto da proba e ás propias que establece a FIM para esta modalidade do Enduro. Trátase de previr impactos naqueles tramos que discorren na contorna da Rede Natura 2000 e supoñerá un antes e un despois neste tipo de eventos en Galicia, xa que poñerá en valor a sustentabilidade (económica, ambiental e social) deste modelo de probas deportivas.

En canto ás probas deste Six Days 2024, que terán lugar nas provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña, comezaron onte en Santiago de Compostela. Aínda que algunhas poden sufrir modificacións na súa localización debido aos danos producidos polo temporal da semana pasada, a programación inicial das probas é a seguinte: en Silleda levarase a cabo unha proba especial permanente de Enduro e de Motocrós; en Santiago de Compostela é o Especial Cros Test e o Especial Enduro Test; na Estrada, desenvolveranse o 150km de Rally e as Enduro Test e Cros Test; en Lalín albergarase o 150 km de Rally, o Especial Cros Test e a Especial Enduro Test; e no Irixo, levarase a cabo o 150 km de Rally e as probas de Cros Test e Enduro Test.
Publicidade
Paddock, probas de cros e entrega de premios
A Feira Internacional de Galicia ABANCA, que tamén acolleu o pasado sábado a cerimonia de inauguración do Six Days 2024, é o paddock desta competición. O acceso ao recinto para os espectadores é gratuíto desde hoxe e ata o venres en horario de 10:00 a 20:00 horas, sendo necesario estacionar fóra do mesmo.
Ademais, o recinto feiral converterase o sábado 19 de outubro no escenario principal deste evento, xa que será onde os pilotos compitan en carreiras de estilo motocrós e tamén onde se levará a cabo a entrega de premios desta edición. Ese día, a entrada terá un custo de 20 euros, podendo permanecer no seu interior ata que remate a cerimonia onde se entregarán os galardóns.







Comentarios