A Feira Internacional de Apicultura, Alvariza, celébrase o 31 de xaneiro e 1 de febreiro en Lalín
- Laura Moure

- hace 12 horas
- 2 Min. de lectura
Esta quinta edición da feira contará coa participación de preto de medio cento de expositores, procedentes de distintos puntos de Galicia e doutros lugares de España
Laura Moure/Lalín
A Feira Internacional de Apicultura, Alvariza, celebra este ano a súa quinta edición, reafirmándose como unha das grandes citas que se desenvolven ao abeiro da Feira do Cocido e como un dos eventos máis destacados dentro da programación de actividades da Feira. Alvariza volverá converter Lalín o sábado 31 de xaneiro e o domingo 1 de febreiro nun punto de encontro do sector apícola, cunha programación que inclúe demostracións pioneiras de detección de niños de vespa velutina mediante radiofrecuencia, así como conferencias técnicas centradas na sanidade apícola, a mellora xenética da abella africana para reducir a súa agresividade e o tratamento da varroa mediante sublimadores.

Esta quinta edición da feira contará coa participación de preto de medio cento de expositores, procedentes de distintos puntos de Galicia e doutros lugares de España, e desenvolverase ao longo de dúas xornadas cun amplo programa de catas, relatorios técnicos e actividades divulgativas abertas ao público xeral.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Desde a súa creación, Alvariza amosou un crecemento continuo, fundamentado no proxecto impulsado polo apicultor David Liñares e no apoio decidido do Concello de Lalín, contando desde o primeiro momento coa colaboración da Xunta de Galicia. As cinco edicións celebradas ata o de agora confirman que se trata dun dos eventos que mellor funcionan dentro da programación complementaria da Feira do Cocido.
Publicidade
Alvariza caracterízase pola súa calidade e variedade de produtos, así como pola diversidade das actividades programadas, que abranguen desde catas de mel e demostracións culinarias en directo ata charlas especializadas, obradoiros e actividades dirixidas ao público infantil. Conxúngase así nesta feira apicultura, gastronomía e tradición.
Haberá tamén roteiros guiados polas alvarizas tradicionais de Vilatuxe, Moa e Catasós, unha proposta que permitirá achegar ao público ao patrimonio apícola, á paisaxe e á cultura do territorio, poñendo en valor unha actividade profundamente vencellada ao medio rural.
Publicidade
Con esta quinta edición, Alvariza consolídase como a feira apícola máis importante de Galicia e unha das referencias do sector a nivel estatal, contribuíndo á promoción do sector, á divulgación do coñecemento e á dinamización económica e cultural de Lalín e da súa contorna.








Comentarios