Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia reactiva a actividade no recinto de Silleda

O Salón Turístico de Galicia e a Feira de Festas de Interese Turístico celébranse de forma paralela dende este venres ata o domingo


Laura Moure/Silleda

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron este venres xunto co presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, na presentación da 43ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que congregará ata o domingo a 389 expositores. O recinto feiral de Silleda retoma así o seu certame máis emblemático trala redución da actividade o ano pasado debido ás restricións sanitarias pola Covid-19.


Alfonso Rueda indicou que se trata dunha feira segura con tódolos protocolos anticovid e unha oportunidade para reactivar a actividade das empresas nun espazo seguro de negocios e tamén de ocio cunha completa programación de máis de 130 actividades de lecer. No seu recinto levaranse a cabo o X Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia), a VII Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), o XXIV Salón de Alimentación do Atlántico ( Salimat Abanca) e a VII Feira de Caza, Pesca e Natureza ( Fecap Abanca).


No caso de Turexpo Galicia contará un ano máis coa súa bolsa de contratación turística, degustacións, unha viaxe de familiarización para turoperadores moi centrada no Xacobeo 21-22 e, como novidade, o proxecto Eurochef para poñer en valor os produtos locais da gastornomía galega. En Salimat ademais do mercado de razas autóctonas en perigo de extinción, a área Alinova acollerá 77 innovacións alimentarias, mentres que na zona de Fecap realizaranse demostracións e caza, pesca, cetrería, pastoreo e tiro con arco ademais da competición canina I Copa de Agility por Equipos e a estrea da presentación de Razas de Cans de Caza de Galicia.


A programación complétase con espectáculos de motor con exhibicións de freestyle, unha exposición de dinosauros, actividades centradas no can de palleiro, unha demostración de elaboración de esculturas de madeira con motoserra, a área XGN R Encouter con salas e unha nova edición da carreira popular Abanca Semana Verde de Galicia.


No caso de Turexpo Galicia, o vicepresidente primeiro confía en que o salón, que reunirá a 40 turoperadores con presenza en 11 países na súa 10ª edición, contribúa a captar visitantes neste Xacobeo 21-22 co obxectivo de manter os bos datos de afluencia turística dos últimos meses e rematar este ano por riba dos 140.000 peregrinos, despois de entregar onte a Compostela 100.000. Ademais, no marco do salón Turexpo inclúese a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), un espazo de promoción dos municipios nos que se celebran devanditos eventos.


O vicepresidente primeiro da Xunta confía en continuar esta tendencia de aumento de visitantes no 2022, que tamén é Xacobeo, e que o ano que vén o recinto feiral volva á normalidade e recupere toda a actividade previa á pandemia. Pese á covid, a Semana Verde mantivo a Central Agropecuaria e acolleu varios procesos selectivos con rigorosos protocolos de seguridade. Para 2022 xa están pechadas varias citas como unha nova edición desta Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, así como a Feira da Enerxía de Galicia (Enerxética), a Feira de Acuicultura (Aquafuture), Galiforest, a feira de seguridade, defensa e emerxencias Sedexpo.


Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, cualificou esta edición como a do reencontro coa normalidade tras un ano complicado, marcado pola pandemia, polo que agradeceu aos organizadores a súa implicación á hora de sacala adiante. Nesta mesma liña, González tamén quixo poñer en valor o esforzo dos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos, un compromiso que -dixo- fixo do primario un dos sectores que mellor sorteou as limitacións impostas pola situación sanitaria e que propiciou que se seguira fornecendo á poboación de alimentos seguros e de calidade. Neste senso, lembrou que a rede Mercaproximidade, creada pola Xunta durante a emerxencia sanitaria, contribuíu a que estes produtos puidesen chegar aos distintos establecementos adheridos a esta canle alternativa e axudar así aos pequenos agricultores e gandeiros na venda dos seus produtos.


Ademais, sinalou que esta feira “é un exemplo do noso rural”, un eido “atractivo e con futuro”. Este porvir, engadiu, vén marcado polas novas xeracións de produtores que “saben unir unha rica tradición rural galega coas innovacións que permiten mellorar a eficacia da produción”. Precisamente, vinculou esta mellora coa calidade que define a produción agroalimentaria galega, unha oferta que promociona a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), amparando a participación dunha trintena de pequenas e medianas empresas do sector no Salón de Alimentación do Atlántico – Salimat Abanca, que se desenvolve de forma paralela á Semana Verde.


Visita a Salimat

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, visitou este venres, no 24º Salón de Alimentación do Atlántico Salimat Abanca 2021, no recinto feiral de Silleda, o stand no que a Consellería de Emprego e Igualdade está a promover a economía social e o cooperativismo como modelos de diversificación económica, proximidade e benestar.


Toca percorreu o espazo institucional que conta coa presenza de nove empresas do sector: Bico de Xeado, Productores del Campo de Capela, Gaia SCG, Bodegas Eidosela, Cogal, Andaina Pro Saúde Mental Emprego SLU, Freshcut, Alcrique SCG e A Factoría do Lume SCG. A Xunta brinda a oportunidade a estas firmas a dar coñecer e ofrecer degustacións dos seus produtos autóctonos como queixos, marmeladas, zumes, viños, xeados, licores e salsas.


No marco da feira, estas empresas acudirán a encontros internacionais de compradores de Perú, México, Reino Unido, Suecia, Portugal, Dinamarca, e Portugal, entre outros co obxecto de abrir mercados no exterior. Coa súa presenza, a directora xeral reafirmou o compromiso do Goberno galego coa economía social, un modelo relevante para o fomento da economía de proximidade e colaborativa, que ten demostrado enorme resiliencia durante a pandemia.

48 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE