A Feira do 13 devolve ás Cruces de Sobrado o espírito das grandes feiras de antano
- Laura Moure

- hace 11 minutos
- 2 min de lectura
Laura Moure/Sobrado
As Cruces, en Sobrado, volveu este sábado mirar cara ao pasado para recuperar, por unhas horas, o bulicio, a tradición e o ambiente dunha das citas comerciais que durante décadas marcaron o calendario da zona. A tradicional Feira do 13 regresou cunha xornada moi participativa na que o público respondeu unha edición máis á chamada desta celebración, que busca manter viva a memoria dunha feira que chegou a atraer persoas procedentes de numerosos concellos das provincias de Lugo e A Coruña.
PUBLICIDADE
Desde primeiras horas, As Cruces encheuse de vida, con veciños e visitantes percorrendo os diferentes espazos da feira e achegándose aos postos de produtos gastronómicos e artesanía. Un ambiente ao que contribuíron tamén as persoas que decidiron vestirse con indumentaria de época, así como os xinetes e amazonas que chegaron a cabalo, ofrecendo unha das estampas máis características desta viaxe ao pasado.

A tradición mesturouse así coa historia e coa cultura popular nunha xornada na que tampouco faltaron os vehículos que forman parte da memoria máis recente do rural. Os coches clásicos, os tractores e os antigos apeiros de labranza ocuparon tamén un lugar destacado, permitindo aos asistentes lembrar como era a vida e o traballo de antano.
Entre as actividades programadas tivo lugar ademais a recreación dunha malla, unha das escenas máis representativas do calendario agrícola tradicional, que contribúe a completar esta particular viaxe no tempo.
PUBLICIDADE
E se hai algo que non pode faltar nunha feira galega é a gastronomía. A polbeira é unha das protagonistas da xornada, xunto coa degustación dun becerro e dous porcos asados enteiros, nunha proposta pensada para compartir mesa e recuperar tamén o carácter festivo e popular que sempre acompañou este tipo de encontros.
PUBLICIDADE
A música pon o pano de fondo a unha celebración que se prolongout durante toda a xornada e na que As Cruces volveu respirar o aire das feiras de antano. Unha cita que, edición tras edición, mantén viva unha parte da historia da comarca e converte por un día este lugar nun punto de encontro entre tradición, memoria e festa. (NOS VINDEIROS DÍAS SACAREMOS REPORTAXE AUDIOVISUAL NA NOSAS REDES SOCIAS).









Comentarios