top of page

A feira Abanca Semana Verde de Silleda supera expectativas ao recibir a 57.000 persoas

Foto del escritor: Laura Moure / IsmaelRSLaura Moure / IsmaelRS

Tanto a organización como a inmensa maioría de expositores móstranse satisfeitos, considerando moi boa a resposta do público


Laura Moure/IsmaelRS/Silleda

A 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia pechou este domingo as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. A esta edición especial, que tiña como obxectivo contribuír á reactivación económica e ofrecer un espazo seguro de negocio e entretemento, acudiron preto de 57.000 persoas durante os seus tres días de celebración.


Esta cifra de asistentes, calculada en base aos controis de aforo dos pavillóns principais, foi compatible con que o público desfrutarse da feira con seguridade, debido ás grandes dimensións do recinto, os seus amplos espazos exteriores e os controis de aforo en interiores, ademais doutras medidas, como a redución da área de exposición con ampliación de corredores, medición de CO2 en interiores, entrada e saída aos pavillóns por accesos diferentes, uso obrigatorio de máscara para adultos e nenos maiores de 6 anos, habilitación de numerosos puntos de desinfección ou o reforzo da vixilancia e a limpeza.

O certame superou as expectativas tanto da organización como da inmensa maioría de expositores, considerando que a resposta do público foi moi positiva.


Esta cita mantivo a esencia deste certame multisectorial, coa diversidade e o atractivo das súas propostas tanto na súa exposición como no seu programa. Foron 389 expositores directos de 6 países os que estiveron presentes no certame, sumándose 212 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente procedían de 17 países. En canto á superficie neta foi de 8.595 metros cadrados, mentres que a ocupada por expositores e actividades ascendeu a 70.000 metros cadrados.


Unha participación expositiva que respondeu á actual situación derivada da COVID-19 e á celebración do certame nun mes que non é o propio, pero que conformou unha edición con interese e que pretendía dar un paso adiante para recuperar en 2022 as condicións que levaron á feira Abanca Semana Verde a convertese nunha cita de referencia. Un obxectivo que, tendo en conta os resultados da feira, conseguiu amplamente.


Ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contou novamente con numerosos sectores, dende gandería, biomasa, enerxías renovables ou maquinaria ata mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. A esta exposición uniuse un completo programa con 130 actividades distintas, moitas das cales se repetiron ao longo de varios días.

Os animais sempre son un dos grandes atractivos. Autor: Ecos da Comarca.

Certames paralelos e un atractivo programa

O salón de alimentación Salimat Abanca foi un ano máis un importante espazo de negocio. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acolleron 600 reunións entre 70 expositores e 18 compradores de 8 países. Ademais, a súa área Alinova incluíu 77 innovacións, mentres que no seu programa houbo numerosas catas e showcookings, como os de recoñecidos chefs do Grupo Nove e a semifinalista en MasterChef 9, Ofelia Hentschel, Tamén incluíu talleres, o primeiro concurso de tortilla española ou o Encontro Gastroblogger.


Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebraron co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contaron coa presenza de empresas do sector e 32 concellos que promocionaron 41 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional incluíuse o IV Encontro de Bloggers e destacou a Bolsa de Contratación Turística, a cal propiciou 1.900 reunións entre preto dun centenar de empresas e 38 operadores turísticos de 11 países. Sumouse a cociña en vivo do proxecto Eurochef.


En canto a Fecap Abanca, que conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, apostou nesta edición por un completo programa, con novidades como a Presentación de Cans de Caza de Galicia, unha exposición de artes antigas ou talleres de montaxe de moscas para pesca a cargo de montadores referentes a nivel mundial. A Dirección Xeral organizou diversas actividades relacionadas coa natureza.


As actividades caninas e ecuestres foron moi numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras con propostas como a II Copa de Agility e a I Copa de Agility por Equipos Abanca Semana Verde, exhibicións de pastoreo de ovellas ou diversas propostas do Can de Palleiro. Nas ecuestres destacaron o VIII Galician Championship de cabalos árabes e unha actividade formativa con ponis, así como a presentación e doma de exemplares de Cabalo de Pura Raza Galega.


A área de gandería centrouse na exposición de razas autóctonas de Galicia, tanto de Rubia Galega como das razas en perigo de extinción. E o programa completouse con outras propostas de interese, como espectáculos de freestyle a cargo do piloto pioneiro desta modalidade en Portugal; unha exposición de dinosauros animatronics, a VI Carreira Popular, a realización de esculturas con motoserra ou unha área de videoconsolas e pc gaming.

Distintos atractivos este domingo na Semana Verde. Autor: Ecos da Comarca.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page