top of page

A feira Abanca Cimag-GandAgro 2025 de Silleda acadou os 19.813 visitantes

Kergo Ozalid 6818 de Xermade e Pozosaa Krusader 9450 Xela de Lugo, vacas Gran Campioas nos concursos Internacional e Autonómico de frisón desta cita


Laura Moure/Silleda

A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, pechou onte, sábado, as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda tras recibir desde o pasado xoves a 19.813 visitantes. Estes, que supoñen un 4,3% máis que na pasada edición, procedían tanto de toda Galicia como doutras comunidades autónomas, especialmente de Asturias, Cantabria e Castela-León. Ademais, rexistráronse visitantes estranxeiros, esencialmente de Portugal, pero tamén de Francia, Italia, Alemaña ou Países Baixos.


Esta edición contou coa presenza de 508 firmas expositoras de 26 países, un 20% máis que na pasada edición, das cales 174 foron expositores directos e 334 marcas representadas. En canto aos expositores directos, que procedían de España, Italia,

Portugal, Países Baixos e Austria, sumaron un 3,5% máis que na anterior convocatoria

e ocuparon unha superficie neta de 11.648 metros cadrados.


Esta quinta edición da feira mostrou as últimas novidades, entre outros ámbitos, en sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética, animal vivo,

sistemas de muxido, equipos para explotacións gandeiras e maquinaria entre a que

destacará a destinada ao cultivo de forraxe e á preparación de chan para cultivo de

viñedo e pataca, ademais de compoñentes e accesorios.

foto

Este crecemento expositivo, sumado ao de visitantes e á satisfacción xeneralizada dos participantes, consolidan esta feira como cita referente en innovación agropecuaria. En

canto aos seus resultados, a inmensa maioría de expositores transmitiron á organización tanto a realización de bos contactos como o incremento do perfil profesional entre os visitantes, dos que sinalaron houbo unha importante presenza de profesionais da zona noroeste de España e tamén de Portugal.


A feira, contou onte pola tarde coa visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen ademais de intercambiar impresións cos expositores entregou os premios de Vaca Gran Campioa Autonómica e Internacional dos concursos de gando frisón. Estivo

acompañado na súa visita pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen tamén entregou premios, no seu caso os de Mellor Criador Autonómico e Internacional Innovación, análise e transferencia de coñecementos.


Respecto ás actividades do certame, contou con multitude de propostas de gran interese para o sector, as cales converteron esta feira nun foro para o impulso da innovación, a análise e o intercambio de coñecementos.


As xornadas tiveron un papel destacado, con monográficos de porcino, cunicultura e pensos, ademais de xornadas sobre distribución sostible de xurro, optimización de datos en granxas de vacún de leite e tamén os proxectos Sat4carbón, de vixilancia de carbono en sistemas silvopastorais por teledetección, e Biotrace, para salvagardar as razas autóctonas porcinas minoritarias con biotecnoloxía avanzada. Sumáronse o reaproveitamento de subprodutos agrogandeiros para o impulso da economía circular, innovación no sector agrícola para mitigar os efectos do cambio climático, estratexias

innovadoras nos sectores vitivinícola e forestal e impulso da sustentabilidade no sector lácteo. Ademais, a Consellería do Medio Rural realizou unha xornada informativa e

formativa para a incorporación de mozos e novos agricultores ao rural e outra centrada

en sanidade animal.


Os concursos tamén contaron con gran importancia na feira. Organizados pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Federación Frisoa Galega (Fefriga) co apoio da Consellería do Medio Rural, desenvolveranse os morfolóxicos XXXVII Open Internacional e XXXIII Autonómico da Raza Frisoa, coa participación de 159 exemplares de Galicia, Cantabria, Asturias, Cataluña e Portugal. A vaca Kergo Ozalid 6818, da gandería Lagoa Serabel, de Xermade (Lugo), alcanzou o premio Vaca Gran Campioa no Internacional, mentres que no Autonómico a vencedora foi Pozosaa Krusader 9450 Xela, de Casa Pozo, de Lugo.

foto
A Vaca Gran Campioa

O galardón de Mellor Criador de Galicia recaeu en Gandería Carro, de Mesía (A Coruña), mentres que o Internacional foi para a gandería Ponderosa Holstein, de Lleida (Cataluña). Ademais, Rey 1239 Chief Divina, da SAT Rey de Miñotelo, da Pastoriza (Lugo), foi a xovenca gran campioa tanto no concurso autonómico como internacional.


O venres celebráronse tamén o XX Concurso de Preparadores de Gando, sendo o gañador Iker García Amarelle, da gandería O Rubio, de Santa Comba (A Coruña); e o XLII Concurso de Mozos Manexadores, no que venceu Alba López López, da gandería Quintián, do Páramo (Lugo).



PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Así mesmo, leváronse a cabo dous concursos que premiaron innovacións que redundan na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos. Foron o Abanca GandAgro Innova, no que venceu o primeiro sistema de estabulación libre que permite ás vacas adoptar posicións corporais naturais, e o Máquinas Destacadas Cimag, no cal foron recoñecidas 12 innovacións.


Ademais, leváronse a cabo presentacións, como a do primeiro cebo pulverizable listo para usar que permite un control rápido e efectivo de moscas, demostracións como as de aplicacións aéreas con drons sobre cultivos, e “experiencias de calidade” no stand da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) con produtos tanto con indicativo de calidade como de artesanía alimentaria de Galicia.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page