top of page

A feira Abanca Cimag-GandAgro 2025 reúne dende hoxe ao sector agropecuario en Silleda

É unha cita con máis de 500 firmas expositoras e un completo programa


Laura Moure/Silleda

A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, abrirá as súas portas desde hoxe, día 20, ata o sábado, día 22, na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra) coa presenza de 508 firmas expositoras, das cales 174 son expositores directos e 334 son marcas representadas.


As firmas expositoras, de 26 países, supoñen un 20% máis que na pasada edición, celebrada en 2023. En canto aos expositores directos, que proceden de España, Italia,

Portugal, Países Baixos e Austria, suman un 3,5% máis que na anterior convocatoria e ocuparán unha superficie neta de 11.648 metros cadrados. Esta repártese entre os

dous pavillóns principais do recinto, unha gran carpa anexa ao pavillón 2 que albergará

as ganderías de vacún frisón e, tamén nesta edición, en boa parte do paseo central,

supoñendo unha superficie bruta próxima aos 26.000 metros cadrados.

Esta quinta edición da feira mostrará as últimas novidades, entre outros ámbitos, en

sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética, animal vivo,

sistemas de muxido, equipos para explotacións gandeiras e maquinaria entre a que

destacará a destinada ao cultivo de forraxe e á preparación de chan para cultivo de

viñedo e pataca, ademais de compoñentes e accesorios. Unha mostra que volverá

converter ao certame nunha cita referente en innovación agropecuaria.


Aínda que a feira abre as súas portas hoxe, xoves, o acto oficial de inauguración terá lugar o venres ás 12:30 horas, presidido pola conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez.


Conferencias, concursos e demostracións

Respecto ás actividades do certame, contará con multitude de propostas de gran interese para agricultores, gandeiros e outros profesionais do sector, as cales converten esta feira nun foro para a análise e o intercambio de coñecementos.


Publicidade

ANUNCIO
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

As conferencias terán un papel destacado pola súa diversidade, actualidade e interese. Así, acollerá o XXVII Monográfico de Gando Porcino, as Xornadas de Cunicultura e

unha xornada técnica para responsables de calidade de fábricas de pensos.


A distribución sostible de xurro será outro dos temas das xornadas da feira, xunto coa

optimización de datos en granxas de vacún de leite e os proxectos Sat4carbón, de

monitoreo de carbono en sistemas silvopastorais por teledetección, e Biotrace, o cal,

baseado en biotecnoloxía avanzada, busca salvagardar as razas autóctonas porcinas

minoritarias. Sumaranse o reaproveitamento de subprodutos agrogandeiros para o

impulso da economía circular, innovación no sector agrícola para mitigar os efectos do

cambio climático, estratexias innovadoras nos sectores vitivinícola e forestal e impulso

da sustentabilidade no sector lácteo. Ademais, a Consellería do Medio Rural realizará

unha xornada informativa e formativa para a incorporación de mozos e novos

agricultores ao rural e outra centrada en sanidade animal.


Os concursos tamén contarán con gran importancia na feira. Organizados pola

Fundación Semana Verde de Galicia e a Federación Frisoa Galega (Fefriga) co apoio

da Consellería do Medio Rural, desenvolveranse os morfolóxicos XXXVII Open

Internacional e XXXIII Autonómico da Raza Frisoa, coa participación de 159

exemplares de Galicia, Cantabria, Asturias, Cataluña e Portugal; o XX Concurso

Internacional de Preparadores de Gando e XLII Concurso de Xóvenes Manexadores.

Así mesmo, levaranse a cabo dous concursos que premiarán innovacións tecnolóxicas

que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos,

o Abanca GandAgro Innova e o Máquinas Destacadas Cimag, aos cales concorren 35

interesantes innovacións presentadas por 26 empresas.


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Ademais, haberá diversas presentacións, como a do primeiro cebo pulverizable listo

para usar que permite un control rápido e efectivo de moscas e demostracións, como

as de aplicacións aéreas con drons sobre cultivos. Así mesmo, a Axencia Galega da

Calidade Alimentaria (Agacal) levará a cabo “Experiencias de Calidade”, sesións

gastronómicas con produtos galegos con indicativo de calidade e produtos de artesanía

alimentaria de Galicia, dirixidas polo chef Marcos Arufe en colaboración con persoal

dos consellos reguladores implicados.


Serán un centenar de expertos de distintos ámbitos dos sectores da maquinaria, a

agricultura e a gandería os que conduzan ou participen na realización das actividades.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page