A feira Abanca Cimag-GandAgro 2025 fai fronte aos retos do sector porcino con expertos de entidades galegas e nacionais
- Laura Moure
- 7 feb
- 2 Min. de lectura
Celebrarase do 20 ao 22 de febreiro na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda
Laura Moure/Silleda
A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, a cal se celebrará do 20 ao 22 de febreiro na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda, converterase nun espazo de análise da actualidade do sector agropecuario. Será a través do seu programa de conferencias, no cal o sector porcino contará con dúas xornadas monográficas nas que participarán expertos tanto de entidades galegas como de organizacións nacionais.

Así, o segundo día do certame terá lugar o XXVII Monográfico de Gando Porcino, organizado pola ADS de Gando Porcino de Silleda e que será presentado por Pablo
Meijomín, presidente desta entidade e da Federación Galega de Porcino (Fegapor). No seu marco abordaranse dende os retos produtivos do sector ata os comerciais, sendo os encargados de facelo Alberto Herranz e Daniel de Miguel, respectivamente director e director adxunto e internacional da Organización Interprofesional Agroalimentaria do Porcino de Capa Branca (Interporc). Ademais, falarase sobre distintos aspectos á hora de afrontar os desafíos que producen as diarreas dende o destete ata o cebadoiro, de man de Ana María Carvajal, catedrática de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da Universidade de León e membro do grupo de investigación Digesporc.
Publicidade
Porco Celta
Por outra banda, a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta organizará tamén o venres, 21 de febreiro, a xornada “Biotecnoloxía para a rastrexabilidade e selección xenética en razas porcinas minoritarias Biotrace”. Durante o seu transcurso Daniel Durán, Innovation Project Manager de Medrar Solutions, presentará o G.O.Bio4Trace, o cal, cun enfoque na biotecnoloxía avanzada, busca salvagardar as razas en perigo de extinción, asegurando o seu valor engadido e promovendo prácticas gandeiras sostibles.
Ademais, Roberto Besteiro, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), pertencente á Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (AGACAL), expoñerá os retos da rastrexabilidade e selección xenética do Porco Celta e outras razas minoritarias de porcino.
Comments