A eurodiputada do BNG, Ana Miranda, visitará hoxe a aldea de Arinteiro, no concello de Touro
- ecosdacomarca

- hace 4 días
- 2 Min. de lectura
Responde a unha invitación da Plataforma veciñal contra a mina de Touro- O Pino para que poida comprobar in situ "a persistencia da contaminación da antiga mina que Cobre San Rafael trata de reabrir"
Ecos da Comarca/Touro
Representantes da plataforma veciñal, ás 13:30 horas, de hoxe, venres12 de decembro de 2025, recibirán á europarlamentaria Ana Miranda na aldea de Arinteiro (Touro) para coñeza directamente o lugar onde se pretende reabrir a mina de cobre e "poida comprobar persoalmente a contaminación persistente da antiga mina de cobre que se explotou nas décadas dos setenta e oitenta", sinala a Plataforma veciñal contra a Mina Touro-O Pino.

"Cobre San Rafael intenta neste momento que o seu proxecto de reapertura e ampliación da mina de cobre a ceo aberto sexa declarado pola Comisión Europea como “Proxecto Industrial Estratéxico”, para “reforzar” a declaración que xa recibiu a nivel autonómico en 2024. Faino baseándose nas “características” do proxecto que promove e argumentando que “nunca houbo contaminación” na zona derivada da vella mina de cobre, “nin no Ulla nin en ningún dos ríos que hai arredor da mina”, segundo chega a afirmar o seu director xeral", recalca o colectivo.
E insiste en que "a falsidade destas afirmacións poderá verificala a eurodiputada in situ, ao ver o deplorable estado actual dos ríos da zona, que verten as súas augas no Ulla, cando están a piques de cumprise 40 anos do peche da vella mina en 1986. Comprobará asimesmo que, de saír o novo proxecto mineiro adiante, a escasos metros das casas de Arinteiro se pretende construír dous enormes depósitos de residuos mineiros á beira das casas: un primeiro depósito de estériles de 80 metros de altura e máis de 3 km. de lonxitude con capacidade para 34 Mt de residuos e que ocuparía unhas 125 Ha., e outro depósito nas cortas de Arinteiro e Vierio con capacidade para 69Mt e cunha superficie de
unhas 95 Ha. Ambos sitúanse a uns 200 metros da aldea de Arinteiro que queda completamente encaixada entre eles".
Publicidade
Ambos, explica a plataforma, "teñen categoría A, a máis alta, dacordo á perigosidade dos residuos que encapsulan, unha potencial ameaza moi grave para a vida, a seguridade e as actividades agrícolas e gandeiras, non só de Arinteiro senón de toda a comarca".
Publicidade
A pretensión veciñal é que Ana Miranda eleve e informe desta realidade ás instancias correspondentes da UE "para que se coñeza a verdade e non se desvirtúen, con falsidades, os perigos e riscos que a reapertura da mina supón para toda unha rexión central de Galicia: toda a conca do Ulla a mesma ría de Arousa".








Comentarios