A Escola Municipal de Música de Silleda abre ata o día 18 un novo prazo de matrícula nos seus dous centros
Ofrece formación musical para distintas idades e especialidades, contribuíndo tamén á
continuidade das dúas bandas do municipio
Laura Moure/Silleda
A Escola Municipal de Música de Silleda mantén aberto ata o vindeiro venres día 18 de setembro o prazo de matrícula para o curso 2026/2027 nos seus dous centros, situados en Silleda e na Bandeira. As clases darán comezo o martes 22 de setembro, tanto nas aulas de Silleda como nas da Bandeira, iniciando así unha nova etapa formativa nun servizo municipal plenamente consolidado e que cada ano reúne a alumnado de distintas idades arredor da aprendizaxe musical.

As persoas interesadas en formalizar a matrícula ou solicitar máis información poden dirixirse aos propios centros da Escola Municipal de Música. No caso de Silleda, a actividade continuará de momento no Auditorio Semana Verde, á espera de que rematen as obras de remodelación da Escola, podendo contactar a través do teléfono 986 592 004 ou do enderezo electrónico escolademusicadesilleda@gmail.com. No caso da Bandeira, as aulas están situadas no Auditorio Manuel Dopazo, co teléfono de contacto 679 586 953 e o correo electrónico bandadebandeira@hotmail.com.
PUBLICIDADE
A Escola Municipal de Música ofrece unha completa formación musical, con ensinanzas comúns e distintas especialidades instrumentais nos dous centros. Ademais de materias como Música e movemento, iniciación ou linguaxe musical, o alumnado pode acceder a diferentes instrumentos e agrupacións, nunha oferta pensada para achegar a música tanto á infancia como á mocidade e ás persoas adultas.
Este servizo municipal constitúe tamén unha peza fundamental na dinamización cultural de Silleda e na continuidade da tradición musical do municipio, ao contribuír á formación de novos músicos e músicas que nutren tanto a Banda de Música Municipal de Silleda como a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.
A Escola conta cada curso con máis de 200 alumnos e alumnas, consolidándose como un referente na formación musical no municipio e como un espazo de aprendizaxe, convivencia e participación arredor da música.
PUBLICIDADE
As taxas están reguladas pola correspondente ordenanza municipal, que contempla descontos para irmáns, familias numerosas e persoas con discapacidade.
Desde o Concello de Silleda anímase á veciñanza a aproveitar este novo prazo de matrícula e a sumarse á Escola Municipal de Música, unha oportunidade para descubrir, aprender e desfrutar da música ao longo de todo o curso.









Comentarios