A directiva da AEDEZA marca na primeira reunión as súas prioridades para o mandato
Fixou para o sábado 7 de novembro pola tarde a celebración da Xuntanza Empresarial e marcouse o obxectivo de recuperar o umbral dos 400 asociados
Laura Moure/Deza
A xunta directiva da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) celebrou na noite do martes a primeira reunión presidida por Ramiro Mejuto para establecer as prioridades deste novo mandato e marcar os obxectivos a curto e medio prazo.

Entre os primeiros acordos adoptados figura a solicitude de reunións institucionais cos alcaldes/a dos seis municipios da Comarca do Deza; co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e cos conselleiros de Emprego, Comercio e Emigración, José González; Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; Cultura, Lingua e Xuventude, José López; e Medio Rural, María José Gómez.
PUBLICIDADE
A finalidade destes encontros é trasladarlles diversas demandas nos respectivos sectores e formular diferentes posibilidades de colaboración. No eido industrial, a directiva agarda poder coordinar co Concello de Lalín e coa Xunta de Galicia detalles referentes á parcelación da cuarta fase de ampliación do Parque Empresarial Lalín 2000, así como a implementación das medidas correctoras detectadas nun proxecto que está a avaliar os protocolos de seguridade e emerxencia para afrontar posibles riscos ou catástrofes na contorna do parque empresarial.
Outro ámbito de traballo prioritario será o da formación, tanto en materia de Formación Profesional regrada, como do ensino non regrado que se imparte na AEDEZA, coa finalidade de capacitar traballadores/as para sectores específicos cunha alta demanda de persoal.
PUBLICIDADE
En canto ao sector do comercio, entre as principais accións a levar a cabo na recta final do ano destacan o lanzamento dos Bonos Comercio en coordinación co Concello de Lalín, a campaña do Black Friday e a campaña do Nadal.
Por último, a xunta directiva tamén acordou realizar novas accións para aumentar o número de asociados, que actualmente se atopa en 344, coa finalidade de recuperar o umbral dos 400. Ao mesmo tempo, fixouse xa para o sábado 7 de novembro pola tarde a celebración da décima edición da Xuntanza Empresarial, que terá un novo formato co propósito de favorecer a interrelación e o networking entre os asistentes.









Comentarios