Esta firma, gañadora dos Premios PEL en 2020, e todo un referente europeo en síntese química
Laura Moure/Touro
A deputada de Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou en Touro a empresa Galchimia, unha das gañadoras dos premio PEL en 2020.
Xunto coa CEO e fundadora da empresa, Carme Pampín, e persoal técnico da área de Emprego da Deputación, Rosa Ana García tivo ocasión de visitar os laboratorios e coñecer de primeira man o traballo de investigación e innovación que desenvolve a empresa, que é referente en síntese química en toda Europa. Entre os seus logros destaca o desenvolvemento do único fármaco no mundo (denominado AGMB-129) que combate a estenosis asociada á enfermidade de Crohn.
A deputada destacou a posta en marcha dun laboratorio de investigación química con capital integramente galego que dá saída ao potencial e talento investigador formado das universidades galegas. "Galchimia proporciona unha saída profesional para moitos mozas e mozas cunha formación excelente e contribúe a reter e atraer talento, demostrando que é posible xerar emprego de calidade desde un pequeno municipio rural nun eido tan especializado como o da industria biotecnolóxica e farmacéutica", afirmou.
Carme Pampín, fundadora e CEO da empresa, agradeceu novamente o galardón recibido e destacou que este supuxo "un recoñecemento para a nosa labor e sobre todo para o emprendemento, que sempre é difícil, especialmente no rural". "Este tipo de premios axudan a visibilizar e poñer en valor o traballo que estamos facendo. Por suposto animo a outras empresas a presentarse porque creo que temos que transmitir ás sociedade o tipo de traballo que as empresas galegas están facendo en moitos sectores e que é aínda moi descoñecido", apuntou a CEO de Galchimia.
Publicidade
Premios PEL
Ata o 18 de xuño está aberto o prazo de presentación de candidaturas aos Premios PEL 2024, que este ano repartirán 72.000 euros en premios ás mellores iniciativas empresariais novas, consolidadas e verdes da provincia. As entidades gañadoras de cada categoría recibirán un premio de 18.000 euros. As categorías convocadas este ano son as seguintes:
1ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa transformadora nova. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial nas anualidades 2023 ou 2024.
2ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa transformadora consolidada. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2019 ou con anterioridade.
3ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa verde. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as, asociacións e clusters empresariais e concellos que conten con proxectos que teñan por obxectivo a transición ecolóxica e enerxética, a loita contra o cambio climático, a agricultura sostible, a protección do medio ambiente, a preservación da biodiversidade, a economía circular e/o o uso eficiente dos recursos.
Publicidade
CATEGORÍA A PROPOSTA DO XURADO: premio á mellor iniciativa transformadora do rural. Sen postulación previa de candidaturas.
A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación especificada nas bases, a través da plataforma SUBTeL, na convocatoria PEL-EPR PREMIO 2024. O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 18 de xuño de 2024 ás 14.00 horas. Pode consultar as bases e a convocatoria na páxina web do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña: pel.gal/premio
Comments