A Deputación licita por 1,3 millóns € a construción dunha nova ponte sobre o río Mandeo en Sobrado
- Laura Moure

- hace 6 horas
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Sobrado dos Monxes
A Deputación da Coruña reactiva o proxecto de construción da nova ponte sobre o río Mandeo, na estrada provincial DP-8001, de Cruces a Penablanca, ao seu paso polo punto quilométrico 3+100, no concello de Sobrado dos Monxes, cun orzamento actualizado de 1.336.394,95 euros e un prazo de execución de dez meses. O prazo de presentación de ofertas remata o 26 de novembro.

O proxecto fora licitado por primeira vez en 2023 cun orzamento de 894.000 euros, mais a convocatoria quedara deserta por falta de ofertas. Dado o interese e a necesidade da actuación, redactouse un documento actualizado que mantén a definición técnica orixinal da obra, adaptando unicamente os prezos das unidades ao mercado actual para proceder a unha nova licitación.
A intervención ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria e a capacidade da estrada DP-8001 no seu cruce co río Mandeo, substituíndo a infraestrutura existente —un pórtico de formigón armado de 5 metros de ancho e 12 de longo— por unha nova ponte de vigas prefabricadas sobre estribos pechados de formigón armado, que permitirá dispoñer dunha plataforma máis ampla e segura.
Publicidade
O novo deseño prevé dous carrís de 3,5 metros cada un, beiravías de 0,5 metros e unha beirarrúa de 1,8 metros, cumprindo os requisitos de accesibilidade e seguridade tanto para vehículos como para peóns.
O proxecto tamén contempla a demolición da estrutura existente, a execución do novo firme e drenaxe, a instalación de nova sinalización e sistemas de contención, e a restauración paisaxística do entorno, incluíndo a revexetación dos tramos antigos de estrada con especies autóctonas propias das ribeiras galegas.







Comentarios