top of page

A Deputación inviste preto de 120.000 euros na renovación da iluminación pública en Sobrado

O presidente Valentín González Formoso e o alcalde Lisardo Santos asinaron o convenio que permitirá substituír 59 puntos de luz por tecnoloxía LED en Porta, O Mesón e As Cruces


Laura Moure/Sobrado dos Monxes

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, asinaron o convenio de colaboración para a renovación das instalacións de alumeado público no municipio, unha actuación que suporá un investimento total de 119.767 euros, dos que a Deputación achega o 80%, un total de 95.814 euros.


A actuación permitirá modernizar a iluminación en varios núcleos do concello —Porta, O Mesón e As Cruces— mediante a substitución de 59 luminarias antigas por novos equipos con tecnoloxía LED, ademais da renovación das columnas e doutros elementos da instalación eléctrica.

En concreto, o proxecto contempla a instalación de novas columnas de aceiro galvanizado, a retirada das existentes, a adaptación das cimentacións e a substitución das luminarias actuais de vapor de sodio por outras de maior eficiencia enerxética. No caso do Mesón, renovarase tamén o cadro de mando e os condutores eléctricos, mellorando a seguridade e o funcionamento do sistema.


Grazas a esta intervención, reducirase máis dun 60% o consumo enerxético do alumeado público nestes núcleos, o que supón un aforro anual de máis de 28.000 kWh, ademais de evitar a emisión de arredor de 15 toneladas de CO₂ ao ano.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que "esta actuación é un exemplo claro de como investimentos que poden parecer pequenos teñen un impacto directo na vida diaria da xente, mellorando os servizos básicos dos concellos e reducindo custos enerxéticos".


Formoso subliñou tamén que "apostar pola renovación da iluminación pública con tecnoloxía LED é apostar por concellos máis sostibles, máis eficientes e con mellores servizos para a veciñanza".

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Pola súa banda, o alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, agradeceu a colaboración da Deputación para facer posible unha actuación "moi necesaria para modernizar o alumedado público, permitindo ademais un importante aforro económico para o concello".


As obras teñen un prazo de execución estimado dun mes e permitirán mellorar notablemente a calidade da iluminación pública, incrementar a seguridade viaria e peonil e reducir os custos de mantemento grazas á maior durabilidade das luminarias LED.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page