A Deputación destina 675.000 € a financiar a humanización de zonas en núcleos rurais de Silleda
A deputada Belén Cachafeiro visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para estas actuacións
Laura Moure/Silleda
A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou este martes Silleda, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra vai financiar ao 100% as obras de humanización de contornas de varios núcleos rurais. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de 675.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Silleda máis de 1,5 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
O obxectivo xeral deste proxecto é transformar os núcleos rurais de Cumbraos, Coveira – Soldecasa, Santa Cristina, A Peroxa, Vilavella, Pedrouzo, Sestelo, Recimil e Toxa, co obxectivo de convertelos en espazos máis amables, accesibles e pensados para as persoas.

Proxéctanse actuacións en materia de firmes e pavimentos cuxa finalidade é reconfigurar o espazo viario desde unha perspectiva de uso máis seguro, accesible e adaptado á vida cotiá dos núcleos rurais. En concreto, renovarase a capa de rodaxe con formigón bituminoso en quente, e, en determinados ámbitos, optarase por solucións de formigón, máis axeitadas para espazos de menor velocidade e maior emprego peonil. Ademais, procederase á limpeza e perfilado das cunetas existentes, mellorando a evacuación de augas pluviais e reducindo o deterioro dos pavimentos e executaranse obras de drenaxe lonxitudinal e transversal onde sexa necesario. Por último, instalarase sinalización vertical e horizontal e incorporaranse elementos de mobiliario urbano.
PUBLICIDADE
Belén Cachafeiro puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, a deputada sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Silleda, que melloran a vida da veciñanza”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que “estamos a falar dun esforzo inversor moi importante, cunha planificación que nos está permitindo chegar a numerosas parroquias e atender necesidades que nalgúns casos levaban anos pendentes”. “A mellora da rede viaria é unha das nosas prioridades, especialmente nun concello cun territorio tan extenso e disperso como o noso, e estamos aproveitando todas as vías de financiamento posibles para seguir avanzando”, engade.
PUBLICIDADE
Fernández Pena sinala que neste caso “non se trata únicamente de renovar pavimentos, senón de actuar cunha visión máis ampla sobre os nosos núcleos rurais, mellorando a accesibilidade, a seguridade e a funcionalidade dos espazos públicos e facéndoos máis amables para a veciñanza”. “Son actuacións repartidas por todo o territorio e que responden a unha planificación continuada, combinando fondos propios, financiamento municipal e diferentes programas doutras administracións”, explica a alcaldesa. “Sabemos que queda moito por facer porque Silleda conta cunha das redes viarias máis extensas da contorna, pero os datos amosan claramente o importante ritmo de investimento que estamos mantendo”, conclúe a rexedora.









Comentarios