A Deputación destina 600.000€ a financiar a recuperación da Praza Alameda de Brántega
- Laura Moure

- 7 may
- 2 Min. de lectura
Javier Tourís visitou Agolada e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha axuda de preto de 90.000 euros do Plan +Provincia para completar a actuación
Laura Moure/Agolada
O deputado provincial Javier Tourís acaba de visitar Agolada, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente as obras de recuperación da Praza Alameda de Brántega, o proxecto enmarcado no Plan Extra – Provincia Extraordinaria 2025, cunha nova achega de 88.000 euros que se suman ao medio millón de euros que xa recibira Agolada a través do plan extraordinario. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres os recursos para esta actuación, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Agolada máis de 1,1 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

Cos recursos provinciais o Concello de Agolada incrementará e mellorará os niveis de funcionalidade, seguridade viaria, accesibilidade e calidade do espazo público e da súa contorna, ademais de realizar as actuacións complementarias de renovación das redes de servizos. As vías reordenaranse con plataforma única, que terá máis espazo para as persoas e menos para os vehículos, con pavimentos de lousa de granito silvestre na zona de beirarrúas e aglomerado por formigón desactivado na calzada. No tramo que conecta a praza co auditorio resolverase a conexión visual e funcional na entrada da zona histórica, e tamén se modernizará o parque infantil. Ademais, substituiranse as luminarias, o mobiliario e renovaranse tanto o saneamento como as canalizacións dos servizos.
PUBLICIDADE
Javier Tourís puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta tanto a unha actuación prioritaria para o Concello, como demostra que o incluísen no Plan Extra”, e felicitou o Concello de Agolada por empregar os recursos do Plan +Provincia para poder completar o financiamento.
PUBLICIDADE
O deputado provincial lembrou que “os recursos que poñemos á disposición dos concellos son fundamentais para que poidan facer realidade os seus proxectos de maior envergadura”, xa que “lles damos todas as facilidades para podelos empregar con total autonomía á hora de decidir en que queren investilos: somos un goberno municipalista”.








Comentarios