top of page

A Deputación de Pontevedra interviu 19 veces en viais durante a fin de semana de Noiteboa e Nadal

En Deza procedeu a retirar árbores caídas nas estradas Berredo-Brántega e Lalín-Botos-Gresande e na de Cachafeiro-Silleda tivo que reparar un burato na calzada


Laura Moure/Deza

As brigadas de estradas da Deputación de Pontevedra atenderon durante o temporal que varreu a provincia de Pontevedra na fin de semana de Noiteboa e Nadal un total de 19 incidencias principais nas vías provinciais. As intensas choivas afectaron especialmente á estrada EP-4402, que une Mondariz-Balneario e Vilasobroso, onde xa se está a construír un muro de contención para garantir a seguridade viaria no punto quilométrico 1+500, á altura do concello de Mondariz. Amais das 19 incidencias principais, atendéronse outras de menor relevancia, entre elas na comarca de Deza.


A construción do muro vén motivada polo deslizamento da berma do talude, o que comprometeu a estabilidade da calzada, que quedou moi danada polo afundimento da contención. As obras estanse aproveitando agora para reforzar a mellora da drenaxe superficial e subterránea nesta zona.

ree

As intensas precipitacións da fin de semana da Noiteboa e o Nadal foron atendidas polas brigadas, a pesar da coincidencia nas datas festivas, garantindo a seguridade na rede provincial de estradas. A atención ás incidencias cóbrese a partir do reparto da provincia en tres zonas.


Na ZONA NORTE, as brigadas provinciais interviñeron en cinco incidencias, concretamente tiveron que retirar árbores caídas sobre a estrada na EP-6302 Berredo-Brántega, na EP-8402 Cuntis-Cequeril e na EP-6001 Lalín-Botos-Gresande. Amais, na EP-7101 Cerdedo-A Portela foi necesario actuar ante un desprendemento de terra sobre unha cuneta e un dos carrís e na EP-7003 A Estrada-Somoza ante o desprendemento de terra sobre a cuneta.


Na ZONA CENTRO producíronse oito intervencións, dous delas para retirar árbores na estrada, na EP-1102 Meira-Fraga e na EP-2908 Arcade-Amoedo. Así mesmo, nas EP-0018 Xeve-Amil-Espedregueira foi necesario realizar a limpeza de arrastres de pedras e na EP-0002 Marco-Tomeza retiráronse tanto arrastres de pedras como de terra. Na comarca do Salnés, actuouse na EP-9201 Sanxenxo-Bordóns-Samieira para achicar a auga de escorredura que inundaba a planta baixa dun edificio, e na EP-9501 Ribadumia-Grenla foi necesario cortar a estrada ante o desbordamento dun río. Amais, na EP-0601 Poio-Campelo as brigadas interviñeron para reparar unha fochanca na calzada e na EP-1103 San Benito-Domaio houbo que limpar un vertido de gasoil no viario.

ree
Preme na imaxe se queres contactar connosco!

No caso da ZONA SUR da provincia, foron seis as incidencias abordadas. Ademais da actuación de emerxencia na EP-4402 Mondariz Balneario-Vilasobroso, que obrigou á obra de emerxencia, as brigadas tiveron que actuar ante as bolsas de auga na calzada que ocasionaron as choivas na EP-2402 O Porriño-Torneiros e na EP-2401 O Porriño-Mosende, mentres que na EP-2103 Nigrán-Vincios, realizouse a limpeza de arrastres de auga e pedras no viario e na EP-2005 Meixoeiro-Cuvi tamén houbo que limpar a estrada tras un accidente. Por último, na EP-3302 Tabagón-Goián-Portocelo as brigadas actuaron ante un desprendemento de terra sobre a cuneta e un carril.


Por outra banda, na xornada de onte, luns 26, tamén se atenderon dúas incidencias na estrada provincial A Cañiza-Mouretán, onde houbo que retirar unha árbore caída, e na de Cachafeiro-Silleda, onde se reparou un burato na calzada.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page