A Deputación de Pontevedra inicia a programación de obradoiros da Rede SmartPeme+ do ano
- Laura Moure

- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Esta semana impartiranse dúas novas accións formativas
Laura Moure/Deza
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana os dous novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+ do ano 2026. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse o xoves 8 e o venres 9 de xaneiro e abordarán a protección de datos e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

O xoves 8 de xaneiro ás 12:00 horas terá lugar o obradoiro en liña “Protección de datos para as pemes I - Datos baixo control” coordinado pola oficina de Barro. Os participantes aprenderán os fundamentos legais que toda pequena empresa ou autónomo debe coñecer para cumprir coa normativa de protección de datos e evitar sancións. Explicarase de forma sinxela o marco legal vixente, quen é o responsable do tratamento e cal é a súa función, e que documentación é imprescindible ter: rexistro de actividades, cláusulas de privacidade e consentimento. Tamén se abordarán as obrigas básicas a cumprir no día a día para garantir a seguridade e a legalidade no manexo da información. Estará impartido por Manuel Tornos, experto en transformación dixital, optimización de procesos e novas tecnoloxías, e as inscricións pódense realizar neste formulario.
Publicidade
O venres 9 a partir das 12:00 horas celebrarase o obradoiro telemático “Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: a folla de ruta global para a sustentabilidade”, organizado pola oficina de Vigo. A sesión servirá de axuda a calquera profesional que desexa comprender o marco global da sustentabilidade e como traducilo en accións concretas e medibles. O obradoiro será impartido por Sabela Álvarez, asesora de emprendemento, Licenciada en Comunicación e formadora acreditada con experiencia en empregabilidade, emprego e emprendemento. As inscricións pódense realizar neste formulario.
Publicidade
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.








Comentarios