A Deputación de Pontevedra destaca o proxecto dos novos vestiarios do pavillón municipal de Rodeiro
- Laura Moure

- hace 13 horas
- 2 Min. de lectura
A administración provincial destina case 90.000 euros a unha obra valorada en máis de 140.000 euros
Laura Moure/Rodeiro
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirma o compromiso do goberno provincial co apoio aos concellos e a mellora das infraestruturas deportivas municipais coa presentación do proxecto dos novos vestiarios do pavillón municipal de Rodeiro. Unha actuación enmarcada na terceira convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación a través do cal a administración provincial destina case 90.000 euros a unha obra valorada en máis de 140.000 euros. “É un pracer iniciar unha semana de traballo na miña casa, en Rodeiro, anunciando novos investimentos para o concello e dando pasos adiante na provincia do deporte”, declarou o presidente provincial na presentación do proxecto no que tamén participou o alcalde de Rodeiro, Jose Luis Camiñas, o tenente de alcalde, Alberte Lamazares, e a voceira popular, Cati Somoza.

O proxecto consiste na construción dun novo módulo de vestiarios e servizos destinado a fortalecer a infraestrutura deportiva dunha zona na que se asentan instalacións como as pistas de pádel municipais, o pavillón polideportivo e un centro educativo nunha contorna na que adoitan celebrarse diversas actividades deportivas na natureza. A actuación inclúe a instalación dunha pequena edificación en dúas alturas, con accesos independentes para cada planta desde o exterior, cun primeiro andar destinado a vestiarios cun aseo accesible, e, un segundo andar, con outro vestiario. A superficie construída total é de case 80 metros cadrados.
PUBLICIDADE
“Achegamos recursos para dotar dun novo módulo de vestiarios e servizos cos que atender as necesidades dos usuarios deste polo deportivo, un proxecto moderno e de calidade para promover a actividade física, hábitos de vida saudable e mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza da provincia viva onde viva”, explicou Luis López, quen sostén que “xa non é novo que somos a provincia do deporte. O que conta agora é avanzar e consolidar esa condición con pasos adiante nos 61 concellos da provincia”.
A construción deste novo módulo de vestiarios non é o único proxecto en materia deportiva que promove a Deputación no Concello de Rodeiro. A través das dúas anteriores convocatorias do PEID, o organismo provincial fixo posible a construción das pistas de pádel cunha achega de case 120.000€.
PUBLICIDADE
Noutros eidos, coma as infraestruturas, a Deputación leva investidos máis de 700.000€ aos que hai que engadir máis de 1,25M€ correspondentes aos distintos plans de cooperación. “No que levamos de mandato, o goberno provincial ten mobilizados en Rodeiro un total de 3,7M€”, resumiu o presidente provincial, quen reafirmou o compromiso da Deputación tanto co Concello de Rodeiro, como cos outros sesenta que integran a provincia.








Comentarios