A Deputación de Lugo destina 600.000€ para mellorar 5 viais en Monterroso, As Nogais e O Valadouro
Laura Moure/Monterroso
A xunta de goberno da Deputación de Lugo acordou investimentos por máis de 600.000 euros para mellorar cinco estradas nos concellos de Monterroso, As Nogais e O Valadouro. Nese sentido, licitáronse dous novos proxectos por máis de 370.000 euros para acondicionar catro estradas da comarca da Ulloa e da Montaña.

En Monterroso, a actuación aprobada permitirá rehabilitar case 4 quilómetros da LU-P-3301, a vía que vai desde este concello ata a Nacional 547 á altura do Marco; e tamén se arranxará a totalidade da LU-P-3306, que une a parroquia de Leborei coa de Tarrio. O orzamento é de case 150.000 euros e os traballos consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación, sinalización e balizamento.
PUBLICIDADE
Así mesmo, aprobáronse máis de 230.000 euros para acondicionar dúas vías das Nogais. Por unha banda, arranxarase un treito de algo máis dun quilómetro da LU-P-0707, que une Armesto con este municipio; e, pola outra, acondicionarase un tramo de dous quilómetros da LU-P-3702, que conecta As Nogais con Lamas. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización horizontal.
PUBLICIDADE
No Valadouro, adxudicouse por máis de 250.000 euros a mellora da totalidade da estrada LU-P-6305, a vía que conecta a LU-P-0101, á altura da Capela de Santa Filomena do Cadramón, co reemisor de RTVE desta mesma parroquia. As obras, que vai realizar MANTENIMIENTO FORESTAL MG, consistirán na reapertura de cunetas, reparación de danos, repavimentación e renovación da sinalización vertical. O proxecto para reparar esta vía conta cun prazo de execución de 4 meses.









Comentarios