top of page

A Deputación da Coruña financia programas de envellecemento activo en Arzúa e Melide

18 ago 2025
2 min de lectura

Laura Moure/Melide/Arzúa

A Deputación da Coruña destina un investimento de 133.568,95 euros a apoiar programas de envellecemento activo e de loita contra a soidade non desexada en 21 concellos da provincia, a maioría deles do ámbito rural. Entre eles figura Melide e Arzúa.

As axudas corresponden á convocatoria FOEAC-2/2025, que vén de publicarse no BOP do 14 de agosto e cuxo obxectivo é impulsar actividades que melloren a calidade de vida das persoas maiores, fomenten a súa participación social e combatan o illamento.


O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que "o reto demográfico é unha das grandes prioridades da institución provincial" e que estas iniciativas "permiten que os maiores sigan a ser protagonistas activos nas súas vilas, mantendo a actividade social, participando en actividades culturais e deportivas e sentíndose acompañados, especialmente nas zonas rurais onde a dispersión xeográfica pode agravar a soidade".



Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Formoso subliñou tamén que "os programas de envellecemento activo non só melloran a saúde física e emocional das persoas, senón que contribúen á cohesión social e á vitalidade das comunidades, facendo que os nosos pobos sigan vivos e con futuro".

Entre os proxectos subvencionados figuran programas de exercicio físico adaptado, obradoiros de memoria, actividades interxeracionais, roteiros, cursos de novas tecnoloxías e encontros culturais. As axudas permitirán financiar actuacións en concellos como Abegondo, Ares, Bergondo, Brión, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Melide, Muros, Ortigueira, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Valdoviño, Vimianzo, Oza-Cesuras, As Pontes, A Pobra do Caramiñal e Arzúa, que recibirá a subvención de maneira condicionada á presentación dun proxecto técnico.


Publicidade

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Con este programa de envellecemento activo e loita contra a soidade non desexada no rural, a Deputación da Coruña segue apostando polo benestar das persoas maiores, entendendo que a mellor política social é aquela que promove a participación, a autonomía e a compañía, evitando que a idade ou o lugar de residencia se convertan nunha barreira para levar unha vida plena.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page