A Deputación aproba para Agolada uns 600.000 € para financiar o 100% a humanización da Avenida de Iryda
- Laura Moure
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
O presidente provincial salienta a combinación dos recursos do Plan Extra e do +Provincia para executar proxectos que transforman os espazos públicos
Laura Moure/Agolada
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, aproba un investimento de preto de 600.000 euros para a humanización da Avenida de Iryda no Concello de Agolada. Un proxecto que se executará ao abeiro do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. Con este acordo, o organismo provincial financia o 100 % do proxecto cunha achega de 500.000€ a través do Plan Extra e co aporte de 95.203€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia.

Publicidade
O proxecto de recuperación e humanización da Avenida Iryda, no concello de Agolada, ten como obxectivo principal transformar este vial urbano nun espazo máis accesible, funcional e integrado coa súa contorna. A intervención abrangue un tramo de 375 metros de lonxitude, situado no núcleo urbano da vila. Levarase a cabo a modificación da sección viaria, que se desenvolverá en plataforma única, establecendo un ancho de paso do carril de 5,00 m, deixando a ambos lados amplas beirarrúas cun ancho de 2,50 m, o que permite acondicionar espazos de estancia e dispoñer de arborado para a mellora ambiental. En canto ás prazas de aparcamento, disporanse en liña no lado dereito do carril de circulación. Así mesmo, serán renovados os servizos de abastecemento, recollida de augas pluviais e residuais e as redes de electricidade e telecomunicacións.
Publicidade
A colaboración da Deputación co Concello de Agolada non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial arredor de 1,23M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
Comments