top of page

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visita Melide para destacar o Polo de Emprendemento desta vila

Dá cobertura abarca 24 concellos, entre os que se atopan Melide, Sobrado, Toques, Santiso; Arzúa, Boimorto, O Pino e Touro


Laura Moure/Melide

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou este mércores o Polo de Emprendemento de Melide, onde puxo en valor o papel clave que desempeña este servizo no apoio ás persoas autónomas e pequenas empresas da comarca, así como na dinamización do tecido económico local.


O Polo de Emprendemento de Melide dá cobertura abarca 24 concellos:  Melide, Sobrado, Toques, Santiso; Arzúa, Boimorto, O Pino, Touro; Santiago, Val do Dubra, Ames, Boqueixón, Teo, Vedra, Brión; Cerceda, Ordes, Mesia, Frades, Oroso, Tordoia, Trazo; Padrón e Rois, ofrecendo asesoramento gratuíto e acompañamento personalizado tanto a persoas que están a valorar iniciar unha actividade como a aquelas que xa teñen un negocio en marcha e queren consolidalo.


Neste contexto, a delegada salientou o papel da Rede de Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia, unha iniciativa creada en xullo de 2022 e que conta na actualidade con 15 oficinas distribuídas por todo o territorio galego. Na provincia da Coruña, a Rede de Polos conta con tres oficinas situadas en Melide, Coristanco e Ferrol, que ofrecen cobertura aos emprendedores das súas contornas.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Esta rede ofrece un servizo integral de apoio ao emprendemento, con especial atención ao medio rural, co obxectivo de reactivar a economía local e favorecer a fixación de poboación. Ademais, destacou a importancia das accións destinadas a fomentar a diversificación e posta en valor do sector primario mediante a transformación e comercialización de produtos con maior valor engadido, un ámbito no que os polos desempeñan un papel fundamental.


No caso concreto de Melide, dende a súa posta en marcha en 2023, o polo ten asesorado máis de 376 iniciativas empresariais. Un dato especialmente relevante é que preto do 54% das persoas atendidas son mulleres, o que reflicte a súa crecente implicación no ámbito emprendedor.


Impacto das axudas na comarca de Melide

Tras a visita ao polo de emprendemento, Belén do Campo visitou varias persoas autónomas do concello de Melide beneficiarias da orde de bono das persoas traballadoras autónomas, destinada a apoiar a consolidación de proxectos que superaron os tres anos de vida, co obxecto de mellorar a súa competitividade.


En primeiro lugar visitou a Asesoría Laboral e Fiscal CC Xestión Melide S.L, beneficaria o ano pasado dunha achega de máis de 3.000 euros para a renovación do seu equipamento informático, un servidor e un software e para a compra de mobiliario de oficina. Posteriormente, trasladouse ata a gandería Pena Fendida que tamén recibiu un apoio de 7.000 euros para a adquisición dunha nova amamantadora.

Belén do Campo lembrou que, o ano pasado, na provincia da Coruña se concederon, 874 axudas desta orde por un importe case 3 millóns de euros. Na comarca de Melide, estas axudas beneficiaron a 16 persoas, cun investimento de máis de 53.000 euros.


Nova orde 2026

A delegada puxo en valor o esforzo da Xunta no apoio ao colectivo autónomo, cun investimento total de preto de 42 millóns de euros para o ano 2026. A maior parte dos recursos destínanse a unha orde única, con máis de 40,7 millóns de euros, que unifica cinco programas co obxectivo de axilizar a tramitación e dar resposta ás distintas fases do emprendemento, desde o inicio da actividade ata o reforzo da súa continuidade, entre as que se inclúe a promoción do emprego autonómo. Esta orde, que xa ten aberto o prazo para este 2026, estrutúrase arredor de cinco grandes programas de axuda: a promoción do emprego autónomo e a cota cero, orientadas a apoiar o inicio da actividade e o mantemento do emprego; o Bono das persoas traballadoras autónomas, centrado na consolidación de proxectos empresariais; o Bono Remuda, dirixido a facilitar o relevo xeracional e a transmisión de negocios; o Bono Nova Oportunidade, pensado para persoas que retoman a actividade por conta propia; e o programa de conciliación, que busca favorecer o equilibrio entre a vida laboral e familiar.


En relación co Bono autonómo conta cun orzamento de 8 millóns de euros, destinado a apoiar e consolidar investimentos e melloras en negocios de autonómos e sociedades con máis de 42 meses de actividade. No marco deste programa, poderase conceder unha subvención destinada á mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias. Esta axuda cubrirá o 60 % de cada un dos investimentos subvencionables, cun límite máximo de 7.000 euros no conxunto das actuacións, sendo o importe restante asumido pola propia persoa beneficiaria.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A liña está orientada a reforzar a competitividade dos negocios mediante distintos tipos de investimentos, entre os que se inclúen a compra de maquinaria, a adquisición e/ou instalación de sistemas para a mellora da eficiencia enerxética, así como actuacións destinadas á substitución de combustibles fósiles ou de materiais críticos ou escasos.

Tamén son subvencionables a compra de utillaxe e ferramentas, a reforma do local ou espazo de negocio, o equipamento informático e o equipamento de oficina ou propio da actividade empresarial, ademais da instalación de rótulos identificativos. Así mesmo, contemplánse investimentos vinculados á transformación dixital e á imaxe corporativa, como o desenvolvemento de aplicacións informáticas, a creación e mantemento de páxinas web, apps e redes sociais, así como o deseño de marca.


O prazo de solicitude de todas estas axudas unificadas está aberto desde o 11 de febreiro ata o 30 de setembro de 2026.


A representante do Goberno autonómico finalizou destacando que “o apoio ao emprendemento e ás persoas autónomas é unha prioridade para a Xunta de Galicia, especialmente no rural, onde iniciativas como o Polo de Emprendemento Melide e as axudas dirixidas aos autonómos contribúen de maneira decisiva á creación de emprego, á fixación de poboación e ao desenvolvemento económico sostible do territorio”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page