A curtametraxe 'A vontade do esquecemento' rodarase en lugares do municipio de Agolada
A produtora busca unha nena de entre 11 e 14 anos para realizar un papel secundario non remunerado
Laura Moure/Agolada
O municipio de Agolada acollerá a rodaxe de A vontade do esquecemento, unha obra dirixida por Raquel Currás Martínez e producida por Cumac Producións. Esta produtora está conformada por catro estudantes de Comunicación Audiovisual que realizaron diversas obras como Voucho contar así e o videoclip do grupo Antilia, que foi nominado este ano nos Mestre Mateo dentro da categoría ao mellor videoclip.

A obra gravarase a finais de maio e nela poderase atopar diferentes sitios dalgunhas das parroquias do municipio de Agolada como de Santa Comba (Castro, Garlín e Quintela), de Brántega ou o propio casco urbano. “Con esta curta búscase centrar a atención na visión da personaxe principal pois a historia trata o tema de como os traumas do pasado afectan ao presente de Sara e a outras personaxes, podendo estes identificarse entre eles e coas posibilidades que iso conleva, como sanación ou maior deterioro dos pensamentos”, adianta Raquel Currás, a directora. O equipo técnico está composto na súa maioría de estudantes e xente nova que traballan no sector audiovisual. Mentres no equipo artístico figura a actriz Sara Fandiño, que participa nesta curta dando vida a protagonista do relato, e outro dos actores que aparecerá será Machi Salgado coñecido por traballos como na serie Fariña (2018) ou na A illa das mentiras (2020).
Estes días a produtora difunde o casting que se vai realizar para seguir conformando o elenco artístico restante. Busca unha nena de entre 11 e 14 anos para realizar un papel
secundario, non remunerado. Os interesados en participar poden enviar un correo a cumacproducciones@gmail.com “Este casting quere dar un valor engadido de produción local pretendendo facer partícipes as persoas da comarca dentro da curtametraxe, que xa conta ca colaboración e apoio do Concello de Agolada, a Asociación O Parapeto, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e patrocinadores como Candelas, Kalekoi, Ferretería Pascua, Mobles Miguélez e Galletas Daveiga”, subliña Lucía Carrera, a produtora.
Pola súa banda, o Concello mostra a súa satisfacción. “É unha alegría que un proxecto coma este, levado a cabo por xente nova e tan competente, elixise o noso municipio. Isto sempre é gratificante para o pobo e para os veciños. Por iso, agradecemos que queiran plasmar esta curtametraxe, que de seguro será un éxito, en Agolada e ademais, estamos convencidos de que contribuirá para dar a coñecer os encantos do noso concello ”, recalca o alcalde do municipio, Luís Calvo.