Ofrecerá o sábado o segundo concerto de primavera de Vila de Cruces
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces organizará o sábado, 27 de abril, o segundo concerto de primavera. A velada musical correrá a cargo da Coral San Salvador de Camanzo, que interpretará varias pezas do seu repertorio a partir das 20:00 horas na Igrexa parroquial de Vila de Cruces.
A coral, presidida por Ramón García, está composta actualmente por 25 membros, aínda que chegou a ter 34 compoñentes. A formación, que este ano conmemora o seu 25 aniversario, foi creada ao abeiro da Asociación Cultural San Salvador de Camanzo en 1999 como unha actividade propia dos veciños desta parroquia cruceña. Pero esta circunstancia non foi obstáculo para que xa, desde os seus inicios, a coral estivese
formada por membros doutras parroquias veciñas.
O seu primeiro director foi José Ramiro Ferradáns, ao que sucedería Álvaro Varela Ferradáns e Tania Seoane Rodríguez. Ao longo destes anos, a coral ten actuado en numerosos pobos, participando en misas solemnes, festividades e todo tipo de concertos. Son de destacar as súas actuacións no Centro Cultural Caixavigo, no concerto de inauguración do Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces e en todas as edicións do festival local “Crucesarte”.
Publicidade
Logo dun tempo sen fucionamento, en 2012 retoma a súa actividade baixo a dirección de Álvaro Lodeiro Novo, veciño da propia parroquia de Camanzo, que continúa hoxe á batuta.
Nestes anos, a coral ten actuado en numerosos concertos e actos entre os que
destacan a participación no V Festival Coral da Deputación de Pontevedra, no Mes
Cultural do Concello de Narón, no Certame Galego de Corais Vila de Arbo, na Festa
Gastronómica do Galo de Curral de Vila de Cruces, no Teatro Principal de Pontevedra
ou no Festival Internacional de Música Insuas de Gres, onde actuou acompañando á
Banda de Música Unión Musical Ponte Ledesma. Destaca tamén a súa colaboración e
participación nos espectáculos “Un Verso, Un Cantar” e “Amantes da Terra”. Desde 2012 organiza o seu propio Concerto de Nadal na Igrexa-Monasterio de Camanzo, concerto patrocinado e a beneficio da Fundación Internacional Josep Carreras de Barcelona.
Comments