A cooperativa Sen Máis da Cernada, Palas, participará nun encontro interxeracional de mestras queixeiras
A cita será o 26 de novembro no Museo Parladoiro de Outeiro de Rei
Laura Moure/Palas de Rei
O vindeiro xoves, 26 de novembro, ás 17:30 horas, o Museo Parladoiro de Outeiro de Rei acollerá un encontro interxeracional de mestras queixeiras das comarcas de Lugo, no marco do proxecto de investigación CALLEIRA (CAdea Luguesa do LEite e Informacións Rurais Adxacentes).

A xornada reunirá as catro empresarias do sector lácteo que participan na iniciativa (Airas Moniz, Bisqato, A Cernada-Sen Máis e Quintián), xunto con mulleres informantes procedentes de distintos puntos da provincia e pertencentes a tres xeracións diferentes, que están a achegar as súas memorias, coñecementos e experiencias para a investigación, liderada desde o Campus de Lugo da USC.
Das comarcas figura unha de Palas de Rei. Sen Máis é unha cooperativa galega de traballo asociado dedicada ao envasado, transformación e comercialización de leite e produtos lácteos con certificación ecolóxica. Está situada na aldea de A Cernada, en Augasantas, no municipio palense.
PUBLICIDADE
Tamén asistirán as persoas integrantes do equipo investigador da Universidade de Santiago de Compostela, a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC e unha representación da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entidade que financia o proxecto a través da súa área de Medio Rural, Mar e Mocidade.
PUBLICIDADE
O encontro será unha oportunidade para compartir experiencias e favorecer o diálogo entre xeracións arredor da cultura queixeira lucense. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.









Comentarios