A conselleira de Medio Rural falou das axudas á apicultura nunha visita a Mel de Liñares, en Lalín
Mel de Liñares conta con 500 colmeas e foi beneficiaria nos últimos anos de varias
convocatorias das axudas Leader, cunha achega total de máis de 110.000 euros
Laura Moure/Lalín
A Xunta asegura que está "comprometida co sector apícola galego con diferentes medidas de fomento" entre as que salienta unha liña de axudas cuxa última convocatoria vén de ser resolta cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros. Estes fondos permiten apoiar máis de 2.000 explotacións, que superan as 42.000 colmeas. En total, son 19 titulares de explotacións e agrupacións apícolas as beneficiarias. Así o destacou onte a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha visita a Mel de Liñares, en Lalín, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde da localidade, José Crespo.

Estas achegas serven para financiar servizos de carácter técnico e investimentos materiais
e inmateriais, entre os que se atopa a loita contra invasores como a vespa velutina ou enfermidades como a varroose. Asemade, tamén se apoia a realización de análises que
permitan incrementar o número de abellas ou a súa produción, así como accións de
promoción, comunicación e comercialización dos produtos e actividades orientadas ao
incremento da calidade.
PUBLICIDADE
A conselleira salientou que desde 2017 a Xunta investiu máis de 10 millóns de euros nestas axudas, triplicando o número de beneficiarios. Neste sentido, cómpre sinalar que a
Asociación Galega de Apicultura, á que pertence Mel de Liñares, recibiu por este concepto preto de 2,5 millóns de euros desde o ano 2019.
PUBLICIDADE
A maiores, cómpre indicar que Mel de Liñares foi beneficiaria nos últimos anos de varias
convocatorias das axudas Leader, cunha achega total de máis de 110.000 euros. En
concreto financiáronse tres proxectos que permitiron consolidar as instalacións,
incrementar a súa capacidade produtiva e diversificar a actividade cara a novos produtos
de alto valor engadido.
PUBLICIDADE
Sector que medra e aposta pola calidade
Neste contexto, Gómez subliñou que cada vez hai máis persoas que se animan a emprender neste eido, sobre todo a mocidade, polo que estamos ante un sector que
medra e que, engadiu, sempre contará co Goberno galego para seguir apoiando e facendo promoción da súa actividade, especialmente daqueles apicultores que produza baixo selos de calidade.
Precisamente, a conselleira puxo en valor que a “inmensa” calidade de Mel de Liñares está amparada pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia e polo selo Artesanía Alimentaria. Ademais, a titular de Medio Rural felicitou aos seus promotores polos
diferentes premios e recoñecementos recibidos, o último nos Paris International Honey Awards, que se suma a outros galardóns, caso do Ouro ao mel multifloral Premium dos
London Honey Awards ou o Ouro na categoría de mel monofloral nas Catas de Galicia.
PUBLICIDADE
Na actualidade, Mel de Liñares conta con 500 colmeas situadas en contornas naturais como a Serra do Candán ou as Sobreiras do Arnego. Dispón dun total de 10 asentamentos
apícolas activos, 9 deles localizados no termo municipal de Lalín e o restante no concello
de Silleda.











Comentarios