A Concellería de Igualdade impulsa a formación Facendo Comandos en colaboración co IES de Arzúa
- Laura Moure

- 24 sept 2025
- 3 Min. de lectura
É un proxecto educativo pioneiro para promover a igualdade e previr as violencias machistas entre a mocidade
Laura Moure/Arzúa
Este martes deu comezo no IES de Arzúa a primeira das sesións de Facendo Comandos, unha formación en igualdade dirixida a alumnado de secundaria, bacharelato e formación profesional, que se desenvolverá ao longo de todo o curso escolar. A iniciativa está promovida pola Concellería de Igualdade do Concello de Arzúa, en colaboración co equipo de Igualdade e Diversidade do IES, e conta coa coordinación da consultora PRISMA. O programa combina o seguimento en liña cunha sesión presencial por trimestre e toma como referencia a experiencia pioneira do Comando Igualdade do IES Alexandre Bóveda de Vigo.
A posta en marcha desta formación é froito do traballo continuado entre a Concellería de Igualdade e o IES de Arzúa. A iniciativa é froito das conclusións que se tiraron tras o análisis conxuntos dos resultados da enquisa “Percepcións en torno á igualdade e a diversidade do alumnado do IES de Arzúa”, realizada entre outubro de 2024 e xaneiro de 2025. A través de diversas preguntas, o alumnado axudou a identificar cales son os principais desafíos e que liñas de actuación se deben seguir para construír un IES e unha Arzúa máis inclusiva e diversa.

Así o explicaba Xurxo Feijóo, un dos coordinadores do grupo de Igualdade do IES de Arzúa, aos 21 representantes —todos eles homes, un por cada curso de ESO, Bacharelato e Formación Profesional— ao inicio da formación: “Esta actividade é a continuación da enquisa que fixemos o ano pasado para coñecer cales eran aquelas cuestións en materia de igualdade que máis vos preocupaban. A enquisa revelou que hai certo descoñecemento en temas importantes, e por iso é fundamental que os traballemos en colectivo, para estar o mellor informados posible, dotarnos de ferramentas que nos axuden a diferenciar os feitos dos bulos, e crear espazos seguros nos que debatirmos e pensar sen medo a ser xulgados”.
A finalidade desta formación non é só achegar coñecementos teóricos, senón sobre todo a acción: crear un grupo de igualdade inspirado na filosofía da educación entre iguais, a autoxestión e a aprendizaxe colectiva. Trátase de dotar ao alumnado de ferramentas participativas e dunha cohesión de grupo que lles permita gañar autonomía para impulsar cambios reais no centro e no seu contorno social.
Entre os obxectivos destacan:
Facilitar unha aprendizaxe significativa sobre igualdade de xénero e prevención das violencias machistas.
Capacitar ao alumnado para aplicar a perspectiva de xénero no día a día, con especial atención ao mundo dixital e á análise crítica da manosfera.
Fomentar o autocoñecemento, a autoestima e o pensamento crítico.
Promover o debate e a reflexión como ferramentas de transformación social.
Comprender o feminismo como teoría política, ética e social, así como motor de cambio colectivo.
PUBLICIDADE
Durante o curso escolar, o alumnado traballará en grupo para analizar a realidade social e decidir que medidas implementar no centro co obxectivo de avanzar cara á igualdade efectiva. Ademais, o programa inclúe unha formación específica para nais e pais, co fin de que as familias comprendan mellor a iniciativa e poidan acompañar as súas fillas e fillos neste proceso.
A concelleira de Igualdade, Lucía López, agradeceu a implicación do IES de Arzúa, “unha comunidade educativa que está sempre dispoñíbel para traballar a prol da igualdade. Facendo Comandos ten un enfoque que pensamos vai funcionar moi ben entre o alumnado, porque lles permite poñer o foco, desde o seu propio punto de vista, nas desigualdades que máis lles afectan e atravesan no día a día. É fundamental que a mocidade dispoña de espazos propios para reflexionar e construír colectivamente esa sociedade máis xusta e igualitaria que soñan”.
PUBLICIDADE
Con este proxecto, a Concellería de Igualdade do Concello de Arzúa e o IES reafirman o seu compromiso cunha educación transformadora que fomente o pensamento crítico, a prevención das violencias machistas e a posta en valor da diversidade.








Comentarios