A cita tecnolóxica XGN Intermax supera xa os inscritos da pasada edición, sumando 877
Esta edición especial, coa que se fai unha chiscadela á vitoria da selección española de
fútbol no Mundial, celebrarase do 9 ao 11 de outubro en Silleda
Laura Moure/Silleda
A edición especial deste ano da XGN Intermax, a cal fai unha chiscadela á vitoria da selección española de fútbol no Mundial baixo o nome de World Champions Edition, xa superou os rexistrados da pasada edición, cando foran 867. Así, a quince días para o seu comezo, os rexistrados suman 877. Un crecemento que, tendo en conta os días que restan para o seu comezo e que os interesados poden inscribirse tanto antes como durante o evento, supón que as expectativas para esta XGN Intermax World Champions Edition sexan moi boas.

Así, esta 26ª edición, que terá lugar do 9 ao 11 de outubro, converterase nun gran punto de encontro de profesionais e afeccionados ás novas tecnoloxías, a informática e o lecer electrónico.
PUBLICIDADE
O evento contará coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet. Así, como é habitual, a Intranet, orientada a rexistrados, permitirá desfrutar dun posto con conexión
de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades
exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto
para os participantes como para quen visite o recinto.
En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa para rexistrados do
9 ao 11 de outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o
día 8 ás 16:00 horas na chamada preparty. Respecto á Extranet, poderase acceder o 9 e 10 de outubro de 10:00 a 20:00 horas, de forma gratuíta.
PUBLICIDADE
Formación, entretemento e intercambio de ideas uniranse nesta edición, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora desta party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio de Intermax Technology.
Programa para rexistrados e visitantes
Esta cita tecnolóxica volverá contar cun programa moi variado tanto para rexistrados como para visitantes, con competicións, obradoiros, actividades deportivas, xogos analóxicos ou conferencias centrados en novas tecnoloxías, intelixencia artificial ou gaming. Ademais, incluiranse novas propostas relacionadas con esta edición especial World Champions Edition.









Comentarios