top of page

A chef Lucía Freitas, con Estrella Michellín, será a pregoeira da XLVI Festa da Empanada

A zoqueira cruceña Elena Ferra, gañadora do Premio Nacional de Artesanía, é a creadora da imaxe da cita gastronómica


Laura Moure/Silleda

A Asociación Amigos da Empanada desvelou un completo programa cultural, musical e gastronómico coa mirada posta no Interese Turístico Nacional. A vila de Bandeira vestiuse dos anos 50 para presentar a XLVI Festa da Empanada, unha auténtica viaxe no tempo para homenaxear ás feiras do pobo, eventos claves para o desenvolvemento do núcleo de Bandeira e da súa contorna. Non faltaron postos de artesanía e comida, tampouco o tradicional limpabotas, os arrieiros, os cabezudos, a retratista ou a lavandeira, que se deron cita nunha praza decorada con bandeirolas, alpacas, pipos de viño, un carro e diferentes vehículos da época.


No acto, que estivo presentado pola actriz local Cristina Collazo, interviron Andrés Seoane (presidente da Asociación Amigos da Empanada), Manuel Cuiña (alcalde do Concello de Silleda), Ana Laura Iglesias (en representación da Deputación de Pontevedra) e Valentín García (en representación da Xunta de Galicia). Por outra banda, o público asistente, caracterizado coa vestimenta típica da época, tivo ocasión de presenciar un interesante showcooking a cargo do chef Alberto Lareo (EcoHotel Nós), que elaborou dúas empanadas moi especiais: de rabo de vaca de Bandeira, en homenaxe ao famoso produto local, e outra de xoubas con xamón, un claro tributo a Carmen Pillado, socia de honra de Amigos da Empanada e recentemente falecida.


Ademais, a música e os xogos foron outros dos grandes protagonistas da presentación, sendo a Asociación Cultural Xirandola de Bandeira a encargada de despedir o acto e tamén de dar comezo á II Ruta da Empanada polos bares da vila xunto co grupo O Son da Fervenza de Escuadro, onde non faltaron variadas empanadas e moita troula.

O evento de presentación acolleu outro dos momentos máis emotivos coa declaración de Marichelo Penoucos, unha das fundadoras da Festa da Empanada, como socia de honra da Asociación Amigos da Empanada.


Amigos da Empanada presentou un variado programa cultural e gastronómico que se compón de cinco días de festexos:

-O mércores 17 de agosto, a actuación da Banda de Veteranos de Bandeira e a celebración dunha gran sesión de DJs na Rúa Camilo José Cela son as novidades que acompañan aos torneos de canicas e fútbol – tenis. Non faltará o chupinazo e o tradicional acendido da iluminación.

-A organización tamén reforza o xoves das festas coa celebración da I Motoempanada e contará con Os Xuncos e Fanfarria Furruxa para festexar o X aniversario da xa consolidade Ruta da Empanadilla. Ademais, tras o éxito vivido na súa primeira edición, o Bandeirap volverá atraer a centos de amantes do rap e das improvisacións coa segunda edición da batalla de galos. E sobre todo, aumentamos os nosos esforzos en potenciar os denominados Festivais da Empanada con grupos de primeiro nivel no XX aniversario do Festival Bandeirock, que se consolida como un dos festivais rock de maior antigüidade da zona. Este ano, formarán parte do seu cartel Boyanka Kostova, un dos grupos de maior influencia na industria musical galega, Terbutalina, Brutal e Froján.

-O venres 19 de agosto, Bandeira contará con xogos populares, Festa da Escuma e a III Ruta da Empanada que se materializará nuns cantos de taberna onde participarán grupos como Punteirolo, O Son da Fervenza e Os Varacuncas. As 20:00 horas será o turno do tradicional Tiro á corda, que chega ao X aniversario, e da XXXII edición do Festival Esmorga Folk, referente dos festivais de música tradicional, que contará coa participación de A Requinta da Laxeira, Os da Porfía, Lidia India e Latexo e Volta e Dálle.

A 'mascota'

Laura Calviño, estudante de creación dixital, animación e videoxogos, é a creadora da mascota dixital da Festa da Empanada, que nace nesta presentación para representar á cita gastronómica por todos os lugares do mundo. Nos próximos días, serán os internautas, nas redes da Festa da Empanada, os encargados de por nome á nova estrela de Bandeira.


Así mesmo, a Asociación Amigos da Empanada presentou “A Empanada do Camiño”, a marca de empanada propia de Bandeira e que contén como ingrediente estrela a carne de vaca de Bandeira, produto de fama nacional e internacional da man da empresa Frigoríficos Bandeira. As persoas asistentes á presentación puideron degustar en primicia esta empanada elaborada por diversas panaderías do Deza como son Paulino, Mazás, Bouzada e A Fogaza, que están adheridas a este proxecto gastronómico de futuro. Non se descarta que nos vindeiros meses, se adhiran outros restaurantes e panaderías que decidan apostar pola recentemente creada marca de empanada.

Pregón

Amigos da Empanada aposta por un novo pregón gastronómico, tras o realizado por Pepe Solla no ano 2018. A chef Lucía Freitas, con Estrella Michellín, será a persoa encargada de dar lectura do tradicional pregón da empanada, que comezou no ano 1987 co escritor Camilo José Cela. Con esta pregoeira, Amigos da Empanada quere destacar o papel das mulleres na gastronomía, onde paradoxicamente destacan habitualmente as figuras masculinas.

Do mesmo xeito, o cartel da XLVI Edición da Festa da Empanada de Bandeira leva nome de muller, a zoqueira Elena Ferra, gañadora do Premio Nacional de Artesanía, é a creadora da imaxe da cita gastronómica.


Andrés Seoane, confirmou que “A Festa da Empanada está remando na dirección correcta para lograr nun futuro próximo a declaración de evento de Interese Turístico Galego”, e adiantou que “se está a despregar un ambicioso plan de difusión e a realizar un traballo inmenso para dar o salto á categoría nacional, un fito que beneficiaría a toda a vila e que merece dende hai tempo a nosa Empanada”.

Rueda: Valedor da Festa da Empanada

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, será declarado “Valedor da Festa da Empanada”, título que ven de crear a Asociación Amigos da Empanada e que será concedido a personalidades do mundo da cultura, da política, do xornalismo, etc. As persoas distinguidas adquiren o compromiso de fomentar e promocionar a empanada galega en xeral, e a Festa da Empanada de Bandeira en particular, alá onde vaian.


A directiva da Asociación Amigos da Empanada decidiu por unanimidade, requisito indispensable para conceder o título, que o presidente Alfonso Rueda reciba a máxima distinción da Festa da Empanada de Bandeira. Entre os motivos que xustifican a decisión, atópanse a vinculación do presidente Rueda con Bandeira, vila orixinaria da súa nai e avó, e o compromiso e apoio da Xunta de Galicia con Amigos da Empanada para lograr a declaración de evento de interese turístico nacional.

Amigos da Empanada, entidade organizadora, quere agradecer a toda a vila de Bandeira e ao seu comercio local o apoio que están a recibir. Tamén aos diferentes patrocinadores privados, que dende fora de Bandeira, decidiron apoiar o noso pobo. Ademais, é de destacar o compromiso e colaboración do Concello de Silleda, sen o cal non sería posible realizar un dos eventos máis coñecidos da nosa comunidade, e de outras institucións como a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page