top of page

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca de Silleda supera nun 49% o seu récord de facturación

Concurriron 55.309 reses, o que supón por segundo ano consecutivo a mellor cifra dende o ano 2009


Laura Moure/Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca de Silleda, que segue sendo a única poxa informatizada de España, pechou onte o ano. Aínda que a última sesión completa levouse a cabo o pasado 16 de decembro, este luns celebrouse unha sesión especial centrada nas categorías de becerros carniceiros e vacún maior para asegurar o abastecemento en datas do Nadal. Así, unha vez celebrada a poxa de onte, o balance da Central en 2025 sitúase nunha asistencia de 55.309 animais no conxunto das súas poxas e unhas transaccións de 59.167.953€. Deste xeito, a concorrencia total ás súas poxas supuxo un 2,93% máis que o ano pasado, cando acudiran 53.732 reses nas súas categorías de vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros, ademais de representar a mellor cifra dende o ano 2009, cando se rexistraron 56.019 exemplares. En canto á facturación, aumenta un 49,3% respecto a 2024, cando fora de 39.625.775€, e convértese en récord absoluto de transaccións anuais na Central.


Un crecemento que é máis significativo tendo en conta que este ano respecto ao habitual non foi posible celebrar sete poxas, unha delas o 29 de abril debido ao apagamento eléctrico que afectou a todo o país, outra o 24 de xuño por un ataque informático sufrido pola Fundación Semana Verde e outras cinco entre outubro e novembro debido á enfermidade da dermatose nodular contaxiosa.

ree

Por categorías, nos becerros de recría concorreron 32.505 animais, unha cifra moi similar á do ano pasado, cando foran 33.124, e que non puido medrar como consecuencia tanto das sete sesións que non foi posible celebrar como de varias oxas do mes de maio nas que concorreu un menor número de becerros de recría debido ao desacordo dun grupo de compradores coa dixitalización do proceso de poxa a través do móbil, aspecto xa resolto no propio mes de maio.


En canto ás cotizacións, medraron de forma moi considerable, ascendendo a 17.932.194€, un 59,3% máis que en 2024, ano en que chegaron a 11.251.491€. Respecto a os seus prezos medios, en frisón soben un 95,7% respecto a 2024 (de 147€/unidade a 289€/unidade), en cruces un 51,9% (de 413€ a 628€) e en louros soben un 45,9% (de 555€ a 809€). Un notable aumento na súa facturación que se debe novamente ao incremento de becerros de entre 3 e 5 meses, os chamados “pasteiros”, no total de asistencia e tamén polas boas cotizacións que están a alcanzar na Central debido á necesidade de becerros de recría por parte dos cebadoiros para repoñer e mesmo aumentar a súa capacidade e así dar resposta á forte demanda de becerros carniceiros dende o estranxeiro e a nivel nacional.


En vacún maior rexistráronse durante 2025 un total de 14.135 exemplares, unha asistencia moi similar á do ano pasado, cando fosen 14.448, e que sería considerablemente maior se non fose pola suspensión das sete sesións, a cal freou un crecemento asegurado tanto pola confianza que o sector ten na Central como pola gran demanda que segue existindo en restauración e hostalería de carnes maduradas, que son, cada vez máis, do gusto do consumidor final.


A facturación desta categoría foi un 31,8% maior, ao pasar dos 22.189.514€ de entón aos 29.260.878€ de agora. Un importante incremento que vén dado, por unha banda, pola xa referida gran demanda da restauración deste tipo de carne, o que supón que os matadoiros en moitos casos deban asegurase a compra para poder servir a cantidade solicitada, e, consecuentemente, paguen máis polos animais e suban os prezos. Por outra banda, as boas cotizacións seguen respondendo tamén á selección que se fai na Central desde hai anos xunto cos servizos veterinarios, apostando por que os animais de calidades inferiores non pasen polo mercado e vaian directamente ao matadoiro, o que inflúe no seu benestar e tamén á hora de eliminar reses de mala calidade en favor das de mellores categorías, co consecuente aumento do prezo medio. Este prezo medio foi precisamente un 32,8% maior que en 2024, ao pasar de 1.661€ aos 2.208€ deste ano, reforzado polas categorías Extra, que creceu un 10,2% (de 2.146€ a 2.366€), e Primeira, que o fixo un 4,6% (de 1.155€ a 1.208€).


Respecto aos becerros carniceiros, a súa concorrencia situouse en 8.669, un 40,7% máis que en 2024, cando se rexistraron 6.160 reses. Un crecemento moi notable que responde a dous factores. Por unha banda, á maior asistencia de compradores e, por tanto, de gando, ante as boas cotizacións que se alcanzan na Central. Aumento que se poderá seguir asumindo co acondicionamento dun terceiro pavillón para a Central, o cal se prevé que estará listo nos próximos meses.


Por outra banda, tamén foi determinante, unha vez máis, a escaseza deste tipo de animais para consumo nacional ante a alta exportación a países do Magreb, os cales dende o ano pasado non puideron abastecerse de distintos departamentos territoriais de Francia afectados pola dermatose, provocando que operadores destes países compren en España, tamén directamente na Central.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Estas circunstancias tiveron como reflicto un aumento nas súas transaccións na Central dun 93,6% respecto a 2024, aumentando dos 6.184.770€ a 11.974.881€. O prezo medio no conxunto da categoría no mercado aumentou un 34,4% (de 1.125€/unidade a 1.512€/unidade), mentres que por categorías os frisóns rexistraron un prezo medio de 1.046€/unidade, un 32,6% máis que en 2024 (cando fora de 789€/unidade); os cruces situáronse en 1.449€, un 33,8% máis que o ano pasado (situábanse en 1.082€) e os louros en 1.553€, un 31,9% máis (o pasado exercicio era de 1.177€)


Multitude de récords

Ademais de alcanzar a maior facturación anual da súa historia, este ano a Central

Agropecuaria de Galicia ABANCA superouse en numerosas sesións, tanto no conxunto das poxas como en diferentes categorías. Ademais, nalgúns casos bateuse o récord nun mesmo parámetro en multitude de ocasións ao longo do ano.


Así, na última sesión completa do ano, a do 16 de decembro, rexistrou o seu récord histórico en transaccións nunha sesión, con 2.047.054€ (superando así o 1.952.514€ conseguido tamén en xuño deste ano), ademais de producirse a segunda maior asistencia da Central, con 1.772 animais (a maior sitúase nos 1.895 animais do 17 de decembro de 2024).

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Por categorías, en becerros carniceiros alcanzouse o maior prezo nun exemplar ata en oito ocasións, situándose en setembro nos 3.024€, e tamén se rexistraron tanto o prezo medio máis alto, con 1.827,32€ o 2 de decembro como o maior volume de transaccións en dúas sesións consecutivas, situándose nos 518.504€ na do 16 de decembro. Tamén nesta poxa produciuse a maior asistencia da categoría, con 325 exemplares.


En canto a vacún maior, conseguiuse o maior prezo medio o 9 de decembro, con 2.482,30€, Ademais, en outubro rexistrouse o maior prezo pago por unha vaca, ao situarse nos 7.728€ (é o récord dunha femia, aínda que o da categoría está nos 10.498€ pagados por un boi en outubro de 2024). A súa maior facturación nunha sesión tamén se contabilizou este ano, no mes de xuño, con 1.030.450€.


Respecto a becerros de recría rexistrouse en varias ocasións o maior volume de transaccións da categoría, situándose ata o momento nos 627.965€ da última poxa completa do ano, á vez que o maior prezo medio conseguiuse no mes de setembro con 734,59€.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page