top of page

A Casa de Álvaro, de Lalín, inaugurarase o vindeiro venres 18 de setembro

hace 9 minutos
3 min de lectura

Será durante un acto que culminará co pregón e o chupinazo das Festas Das Dores


Laura Moure/Lalín

A concelleira de Turismo de Lalín, Begoña Blanco, anunciou que a inauguración da Casa de Álvaro terá lugar o vindeiro venres, 18 de setembro, ás 20:00 horas, nunha celebración que permitirá dar a coñecer a recuperación deste edificio e as súas instalacións, que acollen xa planta baixa a Oficina de Turismo e a Oficina de Atención ao Peregrino e que nun futuro acollerán tamén o Museo do Cocido. A convocatoria enlazará co inicio das Festas das Dores, coa lectura do pregón e o lanzamento do “chupinazo” a cargo de Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo.


Blanco destacou que "a recuperación da Casa de Álvaro supón poñer ao servizo da veciñanza e das persoas que nos visitan un dos edificios máis singulares de Lalín, nun lugar privilexiado para presentar os nosos recursos turísticos e ofrecer unha atención próxima aos peregrinos». A concelleira subliñou que «esta actuación permítenos conservar unha parte da historia da vila e darlle unha nova vida, con servizos que contribúan a que quen chegue a Lalín coñeza mellor todo o que podemos ofrecer".

Na inauguración participarán o alcalde de Lalín, José Crespo; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Tamén estará presente o arquitecto Javier Bugallo, director da obra, que será o encargado de guiar a visita ás instalacións e explicar as características da intervención.


Convite aos veciños

O programa incluirá as intervencións institucionais, o percorrido polo inmoble e as actuacións musicais de Carballo da Manteiga. Sempre que non chova, o acto central desenvolverase no quilómetro cero, fronte á fachada principal da casa. Begoña Blanco convida a veciñanza a participar "nunha xornada para coñecer e compartir a recuperación dun patrimonio que xa forma parte dos equipamentos públicos de Lalín e para celebrar, ao mesmo tempo, o comezo das nosas festas patronais".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A adquisición do inmoble polo Concello realizouse en 2022 por 650.000 euros. Posteriormente, en marzo de 2023, o Concello e a Xunta formalizaron o convenio para a súa recuperación, cunha previsión inicial de 900.000 euros para as actuacións de conservación e rehabilitación. O investimento autonómico anunciado en outubro de 2025 ascendeu ata os 1,15 millóns de euros, incluída a redacción do proxecto. A intervención combinou a conservación de elementos característicos da casa coa adaptación ás necesidades dun equipamento público, incorporando ascensor, aseos e novos sistemas de climatización e instalacións.


A modernización dos servizos turísticos completouse coa dotación audiovisual. O Plan de Sustentabilidade Turística en Destino do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, impulsado pola Deputación con fondos europeos NextGenerationEU. Dotouse de pantallas exteriores cara ás rúas Colón e Principal, destinadas á difusión de información e contidos promocionais, ademais de pantallas interiores e sistemas de sonorización.


Colaboración institucional

A concelleira puxo en valor a colaboración institucional que permitiu avanzar neste proxecto e sinalou que "queremos que a Casa de Álvaro sexa unha porta de entrada ao patrimonio, á gastronomía, á natureza e á cultura de Lalín. A súa situación no centro da vila e os novos medios de información axudarannos a mellorar a acollida e a animar os visitantes a descubrir o conxunto do concello".


Ao remate da inauguración, Xosé Manuel Merelles será o encargado de pronunciar o pregón das Festas das Dores e de lanzar o chupinazo. Begoña Blanco destaca a súa contribución á promoción turística de Lalín ao longo dos anos, desde a colaboración para acadar a declaración da Feira do Cocido como Festa de Interese Turístico Internacional ata o apoio ás edicións máis recentes da feira e a actuacións como a construción da Ponte Noufe ou da pasarela da Laxe.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

"A participación de Xosé Manuel Merelles como pregoeiro é unha maneira de recoñecer a súa implicación con Lalín e a súa colaboración en iniciativas que melloran a nosa proxección turística e as infraestruturas vinculadas ao Camiño", indicou Blanco, quen animou a veciñanza a acompañar este arranque das patronais.


A Casa de Álvaro é un edificio de comezos do século XX, construído en 1913 e representativo da arquitectura residencial burguesa da época, con elementos modernistas. Foi promovido polo avogado lalinense Álvaro Goyanes Crespo e permaneceu vinculado á súa familia e, posteriormente, aos Moure Goyanes, ata a súa adquisición municipal. A súa historia está estreitamente ligada á vida da vila: os baixos acolleron negocios como unha chocolatería, unha ferraxaría e unha oficina do Banco Pastor, mentres o inmoble conservou elementos de interese como a escaleira, as carpintarías, as galerías e o xardín. A súa recuperación abre unha nova etapa de uso público para este testemuño da historia urbana de Lalín.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page