A Campaña de Nadal da AEDEZA sorteará 10.000 € en vales de compra para gastar no comercio local
- Laura Moure

- hace 8 minutos
- 3 Min. de lectura
Os comercios participantes sortearán entre os seus clientes dous vales de 50 euros cada un para gastar no propio establecemento
Laura Moure/Deza
A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA), o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín e comercios asociados repartirán na Campaña de Nadal que se prolongará ata o día 5 de xaneiro de 2026 10.000 euros en vales de compra para gastar no comercio local.

Nesta ocasión, o montante global de 10.000 euros en premios repartiranse a través de catro modalidades de sorteos. A primeira consistirá no sorteo de dous vales de 50 euros cada un, que realizarán os comercios colaboradores os días 24 de decembro e 5 de xaneiro entre os seus clientes que realicen compras durante a campaña. As persoas premiadas deberán gastar estes vales no propio establecemento que o sorteou. O segundo tipo será o sorteo presencial que realizará a AEDEZA o día 5 de xaneiro, ao remate da Cabalgata dos Reis, e que repartirá un vale de compra de 1.000 euros e cinco vales de 300 euros cada un, para gastar nos comercios que participan na Campaña de Nadal.
Para entrar nestes sorteos, os clientes que realicen compras recibirán unhas rifas, das que terán que depositar unha parte na urna que a AEDEZA habilitará na Aldea Gastro instalada na rúa Joaquín Loriga, a partir das 18.00 horas e ata a celebración do sorteo. Este sorteo será presencial e a medida que se vaian extraendo os números premiados, as persoas agraciadas deberán presentarse coa outra parte da rifa elixida.
Publicidade
Nos outros dous sorteos poderán participar as persoas maiores de idade que entreguen os mapas cubertos con todos os selos dos comercios participantes na ruta dos Escaparates Máxicos e dos locais de hostalaría que forman parte da ruta das Fachadas Máxicas. En cada caso, sortearanse tres vales de 100 euros cada un para gastar nos comercios participantes e outros tres, do mesmo importe, para gastar nos locais de hostalaría participantes.
Recollida de mapas
Os mapas para optar a estes sorteos poderán recollerse nos comercios e establecementos de hostalaría participantes nesta iniciativa e tamén na caseta que o CCA de Lalín terá este ano dentro do programa das Aldeas de Nadal, que estará instalada na rúa Joaquín Loriga e que acollerá tamén o posto de flocos de millo -para obter unha ración de flocos de millo tan só haberá que presentar un ticket dunha compra efectuada nalgún comercio asociado participante na campaña.
Por outra banda, a Campaña de Nadal da AEDEZA tamén volve incluír a instalación de música ambiental en oito rúas do centro urbano: Principal, Luis González Taboada, Colón, Calzada, Joaquín Loriga, Alcalde Ferreiro, Pintor Laxeiro e Antonia Ferrín Moreiras. O horario de funcionamento será de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas ata o día 8 de decembro e desde o 12 de decembro ata o 6 de xaneiro.
Publicidade
Ademais, os comercios asociados á AEDEZA tamén recibirán elementos decorativos para o empaquetado dos agasallos, como bolas de cartón prensado co identificativo “Comercio Lalín”, cascabeis e cordón de rafia.
Ao igual que en anos anteriores, a AEDEZA tamén ofrece a todas as empresas asociadas a posibilidade de facer vales de agasallo para os seus traballadores, de xeito que poidan canxealos nos comercios e locais de hostalaría, o que contribuiría a dinamizar a economía local.
Apertura dos domingos
Por último, desde a AEDEZA recoméndase abrir os domingos do mes de decembro e o día 4 de xaneiro de 2026 entre as 12:00 e as 14:00 horas e desde as 17:00 ata as 20:00 horas.








Comentarios