A Biblioteca Daniel Castelao acolle mañá a narración “Porquiño vai ao mar”, para crianzas de 0 a 3 anos
- Laura Moure

- 8 jun
- 2 min de lectura
Laura Moure/Silleda
A Biblioteca Pública Municipal Daniel Castelao de Silleda acollerá mañá, martes 9 de xuño, ás 17:30 horas, a sesión de narración oral Porquiño vai ao mar, unha actividade incluída no programa Ler conta moito, impulsado pola Xunta de Galicia para dinamizar a lectura nas bibliotecas públicas galegas.

A proposta, a cargo de Ana Carreira, está pensada para bebés de 0 a 3 anos acompañados dunha persoa adulta e combina palabras, música e movemento para achegar aos máis pequenos e pequenas ao universo dos contos dun xeito sensorial, próximo e participativo.
En Porquiño vai ao mar, o protagonista emprende a súa primeira gran viaxe para coñecer o mar. Polo camiño descobre novas cores, sons e movementos e, entre as ondas e a area, fai amizade con novos compañeiros cos que xogar, cantar e bailar. A historia propón pequenas aventuras cheas de ritmo e tenrura ata atopar un tesouro moi especial.
PUBLICIDADE
A actividade terá unha duración aproximada de 30 minutos e está especialmente deseñada para favorecer o descubrimento, a estimulación e o primeiro contacto coa narración oral desde idades temperás.
Desde a Concellería de Cultura anímase ás familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos a participar nesta nova cita na biblioteca, que continúa a súa programación de actividades de animación á lectura para a infancia.
PUBLICIDADE
A concelleira de Cultura, Mónica González, destaca que Ler conta moito permite achegar á biblioteca propostas moi coidadas e adaptadas a distintas idades, tamén á primeira infancia, que é unha etapa fundamental para espertar a curiosidade polos libros, polas palabras e polas historias”.
González sinala ademais que “a Biblioteca Daniel Castelao é un espazo de encontro para as familias e queremos que os nenos e nenas se acheguen a ela desde moi pequenos, asociándoa a momentos agradables, compartidos e cheos de imaxinación”.








Comentarios