top of page

A beleza volve a escena en Intermax Beauty Show 2026: do 4 ao 7 de xuño en Silleda

A cita concentrará as últimas tendencias, talleres e unha gran batalla de barbeiros de España e Portugal

Laura Moure/Silleda

A II Feira de Beleza e Estética, Intermax Beauty Show 2026, volve celebrarse no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia do 4 ao 7 de xuño. En salón, que xa medra nesta ocasión respecto á súa primeira cita, mostrará na súa área expositiva mobiliario para salóns de estética, utensilios para salón de peiteado e manicura, cosmética, perfumes e outros produtos e accesorios para coidado persoal que poderán coñecer tanto profesionais como consumidores finais.


Ademais de expoñer as tendencias en produtos e servizos, contará cun interesante e completo programa de talleres de técnicas de styling masculino e feminino con recoñecidos e multipremiados expertos do sector. Estes estarán encabezados polo coordinador e asesor de formacións da feira, Jesús Vázquez, o cal é formador para

marcas como Tahe ou Farmagan, gañador do premio Imaxe Galicia a mellor colección masculina e segundo posto nos Premios Vanilla Valencia, ademais de finalista en numerosas ocasións en Barbarías con Encanto.

Tamén impartirán estas actividades formativas Christian Barber, campión de freestyle de barbaría en Galicia e a Golden Chair Internacional, ademais de creador da batalla de barbeiros A Mariña Barber Battle; Silvia Garnil, directora de Silgar Beauty, centro especializado en aparatoloxía avanzada e protocolos de alta eficacia; Amparo Fernández, gañadora en 2025 dos AIPP Awards na categoría de Best Digital e en 2024 o premio á Mellor Traxectoria Profesional no Salón Look; e Carlos Bardullas, creador do Sistema Ambidextra (caracterízase por utilizar ambas as mans de forma simultánea durante o corte), finalista e gañador de importantes galardóns nacionais como Mellor Estilista e Revelación Nacional e participante en salientables eventos como a Gala Premio Imaxe ou a pasarela Cibeles.


Sumaranse Alén, barbeiro que percorreu diferentes barbarías de España e docente en Formas Academy; Sonia Ramos, formadora, educadora e encargada da Academia Daniel Pertegal; e tamén Jesús Márquez, educador na mesma academia e director en La Cueva del Oso Barbería.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O desenvolvemento, a finalización ou o resultado destes talleres, dependendo do proceso que requira a técnica utilizada, será mostrado nun escenario con pasarela habilitado para estas accións formativas.


Un duelo con máis de 10.000 euros en premios

O último día da Intermax Beauty Show, o domingo 7 de xuño, levarase a cabo “A gran batalla”, na que participarán barbeiros e barbeiras de distintos puntos de España e Portugal. Unha cita que chega á súa sexta edición pero que por primeira vez se celebra fóra de Granada, epicentro deste gran duelo con gran éxito en todas as súas convocatorias.


Os participantes competirán en catro categorías distintas. En “Futuras promesas”, onde os aspirantes deben ter menos de 21 anos o día do evento, o tempo é de 45 minutos e todo vale sempre que o corte se realice no evento. En “Freestyle” o tempo de competición será o mesmo, estando permitido o uso de navalla, cor, fibras ou calquera tipo de tinguiduras, realizándose a cualificación do traballo en dous segmentos que se corresponden con zona superior e zona inferior.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

A terceira das categorías será “Fast fade”, onde o tempo se reduce a 15 minutos e os competidores contan con indicacións precisas para as distintas zonas marcadas para a creación capilar. A cuarta correspóndese con “Corte e barba”, na cal está permitido o uso de navalla e o tempo é de 45 minutos.


Esta competición repartirá máis de 10.000 euros en premios. En cada categoría, o gañador recibirá un trofeo e 300 euros, máquinas, produtos e unha subscrición anual a IA Beauty, mentres que ao segundo e terceiro posto corresponderanlles trofeo, máquinas, produtos e a subscrición.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page