top of page

A Bandeira celebra este sábado o tradicional San Cristovo

Acollerá tamén o XXXVI Festival de Baile e Música Tradicional Xirandola


Laura Moure/Silleda

A Bandeira celebra este sábado 2 de xullo o tradicional San Cristovo, patrón dos viaxeiros e por extensión de todos os condutores e condutoras. A Asociación Amigos da Empanada de Bandeira argallou para esta xornada unha completa programación festiva en homenaxe aos profesionais do transporte.


Ás 13:00 horas dará comezo a misa solemne cantada para dar paso posteriormente á procesión de camións e vehículos históricos, que percorrerán toda a vila para recibir finalmente a bendición. O percorrido, que estará guiado pola empresa local Duro e Hijos, contará cun especial reforzo policial que velará polo cumprimento das medidas; as autoridades informan que queda completamente prohibida a presenza de persoas nos remolques dos vehículos e que se debe cumprir a normativa de tráfico na súa integridade, polo que non poderán estar na cabina máis persoas das permitidas ou menores que non alcancen a idade mínima.

Ao finalizar a procesión, a festa trasládase á Praza da vila, onde os máis cativos poderán desfrutar da súa propia procesión cun pequeno circuíto na praza. A organización anima á rapazada a decorar as súas bicicletas, triciclos, patinetes... co obxectivo de celebrar o I San Cristoviño.



Na mesma localización, dará comezo a sesión vermú a cargo do Dúo Eclipse así como a gran mexillonada gratuíta para todas as persoas asistentes.


A partir das 15:00 horas será a quenda do gran xantar servido por Pulpería Taboada, cun prezo de 28 euros e un menú composto por empanada, polbo, carne ó caldeiro, bebida, postre e café. As entradas para a comida poderanse mercar ese mesmo día na cantina da Asociación.


Ás 19:00 horas o pobo da Bandeira acollerá tamén o XXXVI Festival de Baile e Música Tradicional Xirandola, que contará coa actuación de El Lagar de Socuéllamos como grupo invitado chegado dende Ciudad Real. A troula non se detén en ningún momento, porque unha vez finalizado o certame, comeza a verbena co Dúo Eclipse, Trío Mar D'Arousa e DJ Sergio.

A Asociación Amigos da Empanada quere agradecer a especial colaboración do Concello de Silleda e de todos e cada un dos comercios da vila da Bandeira, facendo un chamamento para apoiar e mercar no comercio local, parte fundamental da vida de calquera pobo.



Ademais, "hoxe e sempre queremos reivindicar e pedir ás administracións públicas unha maior protección e atención aos profesionais do transporte, que están a vivir unha delicada situación nunha profesión imprescindible para a nosa sociedade", sinala Andrés Seoane, presidente da entidade.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page