A Banda de Música Municipal de Silleda celebra Santa Icía cun concerto inspirado na literatura o día 16
- Laura Moure

- 10 nov
- 2 Min. de lectura
Celebrarase no auditorio da Semana Verde seguido dun magosto que organiza a formación xunto ca Asociación Cultural O Lacón
Laura Moure/Silleda
A Banda de Música Municipal de Silleda celebrará o vindeiro domingo 16 de novembro o tradicional concerto con motivo de Santa Icía, patroa da música, cun recital titulado “Literatura que se converte en música”, no que se explorará a estreita relación entre a palabra escrita e a creación musical. O concerto terá lugar ás 18.00 horas no auditorio da Semana Verde de Galicia, e contará coa colaboración do coro infantil da Escola de Música Municipal de Silleda (EMUSI), formado por preto de 70 nenos e nenas de entre 7 e 12 anos.
Baixo a dirección de Rafa Agulló, a Banda presentará un programa que conxuga narrativa, emoción e sonoridade, con obras de compositores como Alfred Reed, John Powell, Toshio Mashima ou Bert Appermont, que atoparon na literatura a súa principal fonte de inspiración. “Ao longo da historia, a literatura inspirou a grandes compositores, que
atoparon nas súas historias e personaxes o camiño para crear música chea de emoción”, explican dende a formación.

A peza final do programa será “Heijamano – Canción dos catro elementos”, de Bert Appermont, que contará coa participación especial do coro da EMUSI, nunha posta en escena que promete ser un dos momentos máis emotivos do concerto.
Este recital será tamén especial, xa que suporá a estrea de 12 novos membros da canteira musical que se incoporan á formación. Así, neste recital do vindeiro día 16 sumaránse á banda Iago Martínez Iglesias, (flauta) Ruth Alexia Radulescu, Carla Espantoso Sueiro, Mauro Rodríguez Areán, Ángela Picans Mariño, Lucía Peón Pedreira e Simón Pérez Vázquez (clarinetes), Daniel Picans Mariño (trompeta), Sergio Rodríguez Álvarez (trompa), Uxía Lareo Gálvez (tuba), Xoán Alonso Vidueiros (percusión) e Lorena Durán Dacal
(violonchelo).
Publicidade
Ao remate do concerto celebrarase un magosto aberto a todo o público asistente, organizado pola Banda de Música Municipal de Silleda e a Asociación Cultural O Lacón.
Colaboran co concerto tamén o Concello de Silleda, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, a Fundación Semana Verde de Galicia, e a Anpa Musiquiños.







Comentarios