top of page

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promove unha nova campaña especial en colaboración coa Asociación Deportiva Cerne de Melide

Unha unidade móbil de ADOS visitará Melide hoxe, xoves 25 de abril


Laura Moure/Melide

A Axencia de Doazón de órganos e  Sangue (ADOS) e a Asociación Deportiva Cerne de Melide promoven, este xoves 25 de abril, unha nova xornada solidaria a favor do xeneroso xesto da doazón de sangue. Con motivo desta colaboración, ADOS desprazará unha unidade móbil ata a vila de Melide, que estará estacionada no Parque Rosalía de Castro en horario de 10:15 ás 14:00 horas e das 16:15 ás 21:00 horas.

Así mesmo, a AD Cerne distribuíu, nos días previos ao desprazamento da unidade móbil, información relacionada co altruísta acto de doar sangue entre os seus asociados das categorías de Running, Montaña e Ciclismo. O envío de información realizouse, de maneira maioritaria vía online para evitar o consumo de papel e favorecer, deste modo, unha conciencia social tendente a hábitos máis solidarios co noso planeta.


Destacar que o presidente da AD Cerne, Ángel García Rey, participará tamén nesta campaña de doazón e anima a todos os integrantes da asociación a sumarse a este acto solidario. Ademais, ADOS e a AD Cerne obsequiarán cun bidón de hidratación deportiva e unha camiseta a todas as persoas que se acheguen a doar sangue nesta xornada solidaria.


Publicidade

Melide solidario

A axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere poñer en valor o carácter solidario e xeneroso da cidadanía de Melide que, durante o pasado ano, foi o concello con maior taxa de participación de Galicia, excluíndo as sete grandes cidades. Deste modo, salientar que no 2023, alcanzáronse as 649 doazóns de sangue, o que supuxo unha taxa de 86 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice que supera en 46 puntos a recomendación mínima da Organización Mundial da Saúde. Esta cifra supón un claro indicativo do espírito solidario da veciñanza deste concello.


ADOS quere convidar a toda a sociedade melidense a doar sangue e a participar de maneira activa nesta iniciativa que xunta o altruísmo cos valores positivos do deporte, así como amosar o seu sincero agradecemento a todos os membros que conforman a Asociación Deportiva Cerne de Melide pola súa implicación nas campañas de doazón de sangue e o seu apoio coa realización desta iniciativa, ao mesmo tempo que invita a todos os colectivos e asociacións de Galicia a promover proxectos similares que permitan crear e estender unha conciencia solidaria proclive aos distintos xeitos de doazón.


Doar é moi sinxelo e seguro

ADOS lembra que pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza- nin teña padecido- enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, cómpre sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page