A Avenida do Parque e a rúa Santa Eulalia de Silleda reabren hoxe, mércores 12, ao tráfico
- Laura Moure

- hace 1 hora
- 2 min de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda informa de que hoxe, mércores, día 12, quedarán reabertas ao tráfico a Avenida do Parque e a rúa Santa Eulalia, logo dos últimos traballos realizados no cruce con Castros de Toiriz e unha vez transcorrido o período recomendado polo persoal técnico para o correcto asentamento do novo pavimento.

Coa reapertura da circulación, a reforma integral da Avenida do Parque entra xa na súa recta final. A actuación, cun investimento global de 747.122,98 euros, supuxo unha profunda transformación desta zona do casco urbano, coa creación de novos espazos verdes e peonís, renovación de pavimentos, melloras na iluminación, soterramento de cableado e a humanización da contorna da igrexa e da rúa Santa Eulalia.
De feito, o proxecto contempla na rúa Santa Eulalia unha plataforma de tráfico compartido con prioridade peonil e pavimento de pedra granítica, mentres que na Avenida do Parque se combinan zonas de plataforma única, novos espazos peonís e áreas de estacionamento.
PUBLICIDADE
Nos próximos días continuarán os traballos de remate. Entre os elementos que aínda quedan por executar atópanse as bancadas do novo auditorio exterior da rúa Santa Eulalia, a pérgola que cubrirá a parada de taxis e a instalación dos bancos de madeira que coroarán os asentos integrados nos xardíns situados ao inicio da Avenida do Parque.
A empresa adxudicataria estará de vacacións durante a vindeira semana, polo que estes últimos traballos retomaranse a partir do luns 24 de agosto. Trátase xa das únicas intervencións que restan para completar a reforma integral deste ámbito.
PUBLICIDADE
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que “coa reapertura ao tráfico damos un paso moi importante nunha actuación que cambiou por completo a imaxe e a funcionalidade desta zona da vila”. Fernández sinala ademais que “quedan únicamente elementos de remate e mobiliario que completarán un espazo máis verde, accesible e pensado para as persoas”.
PUBLICIDADE
O proxecto de mellora da mobilidade peonil na Avenida do Parque forma parte da estratexia municipal do “cinturón verde de Silleda”, coa que se pretende continuar avanzando cara a un modelo urbano máis amable, sostible e seguro.









Comentarios