A Asociación Elas-Eles pide a Medalla de Galicia para as gandeiras e gandeiros que loitan contra os lumes
- Laura Moure
- hace 6 horas
- 3 Min. de lectura
O colectivo tamén lle demanda á Fegamp unha “estratexia urxente” cos concellos para revitalizar o rural
Laura Moure/Xeral
Unha delegación da Asociación de Gandeiras e Gandeiros Galegos Elas-Eles, capitaneada polo seu presidente, o cruceño Adrián Riádigos, reuniuse hoxe con responsables da Fegamp en Santiago para demandar a posta en marcha dunha “estratexia urxente” entre o sector agrogandeiros e os concellos galegos para “revitalizar o rural”, unha cuestión hoxe “fundamental” logo da vaga de lumes que está a padecer este mes Galicia.
Desde o colectivo propuxeron á Fegamp que os concellos poidan contratar directamente as actividades de xestión da biomasa, para que sexa o sector agrogandeiro en cada zona quen se encargue destas tarefas “dun xeito máis económico, ecolóxico e acorde co mantemento da biodiversidade do país”.

Logo do encontro coa Fegamp, Riádigos detallou outras das medidas analizadas na reunión, coma a demanda do sector de poder usar o xurro para “recuperar terras abandonadas” en todo o país, logo de constatar na maior vaga de lumes da historia de Galicia que “o abandono do rural está a converter o noso territorio en gasolina”.
De feito denunciaron desde a asociación que gandeiras e gandeiros de todo o país recibiron nos últimos meses “negativas” da Xunta para facer queimas controladas de restrollos, unha actividade preventiva que “permite aos gandeiros coidar o territorio, como só os gandeiros sabemos facer”.
Tamén criticaron a expansión das plantacións de eucaliptos no rural, a pesares da vixencia ata o vindeiro 31 de decembro da moratoria da Xunta para novas plantacións desta especie. Unhas plantacións e unha “falta de ordenación e de políticas forestais axeitadas” por parte da Xunta que están a “competir” en superficie agrario coa agricultura e a gandeiría en extensivo do país “que temos demostrado nesta vaga de lumes que fumos o prfimeiro bastión para loitar contra os incendios” e que a actividade do sector agrogandeiro “coida do territorio evitando que remate sendo pasto das lapas”.
Publicidade
Medalla de Galicia
A Asociación de Gandeiras e Gandeiros Galegos Elas Eles vén de reclamar diante da Xunta a concesión da Medalla de Galicia aos gandeiros e gandeiras que nesta terrible vaga de lumes que está a atravesar o país están a ser parte fundamental na loita contra o lume. Nun escrito remitido xa o pasado 16 de agosto ao goberno galego, Elas Eles trasladou “a solicitude meritoria referente a Medalla de Galicia segundo os parámetros establecidos para obtención da mesma, ao sector gandeiro e o garante de notorio de dita distinción, en prol da defensa de Galicia fronte os incendios que están asolando o país neste 2025”.
Adrián Riádigos, gandeiro e presidente da Asociación de Gandeiras e Gandeiros Galegos Elas Eles, destaca que “desde o minuto un da vaga de lumes en todo país, desde Corme até Dozón, Agolada, Ourense, en todos os puntos de Galiza sempre había diante unha cuba e un tractor, e detrás un gandeiro, dando a cara, dando material e todo o que tiña”. Destacan desde a asociación que “a maquinaria, o combustíbel…todo é particular e iso non se vai a pagar nunca”.
Publicidade
Diante desta nova mostra de entrega dos gandeiros deste país, Elas Eles considera que esta petición á Xunta de Galiza “é axeitada á situación que estamos a vivir”, cun balance até o de agora de “feridos, casas ardidas e moita xente que podería ter perdido máis se non chega a ser pola grande labor dos gandeiros e gandeiras”. A asociación non quere esquecer a labor que están a facer os servizos de extinción de incendios e a veciñanza “que está a dar a alma para apagar os fogos en todo o país”.
Lembra Riádigos que o agrogandeiro “somos un sector que sempre estamos aí”, e normalmente “damos por feito que sempre saen e axudan os gandeiros, nunca protestamos nin nos queixamos”. Por iso, Elas Eles considera “oportuno” outorgarlle a medalla de Galiza a este colectivo atendendo só ás bases da convocatoria destas Medallas que cada ano concede a Xunta de Galicia. Riádigos considera que desta
volta “a Xunta non pode negarse a este recoñecemento que poña dunha vez por todas as gandeiras e gandeiros deste país no lugar q lle corresponde por dereito e méritos propios”.
LEMBRAMOS QUE NÓS FALAMOS CON GANDEIROS E CON ADRIÁN RIÁDIGOS HAI UNHA SEMANA POLOS LUMES. COMPARTIMOS VÍDEO:
Commentaires