A Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela celebrou os seus 80 anos de vida
- Laura Moure

- hace 4 horas
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Xeral
A LXXXV Asemblea Xeral da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE) reúniu este sábado en Santiago de Compostela preto de cen profesionais da comunicación procedentes de distintos puntos de España para debater sobre os principais retos actuais do xornalismo, entre eles o impacto da intelixencia artificial, a precariedade laboral ou a protección fronte ao acoso dixital.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou este sábado o encontro no que se abordaron entre outros asuntos, a actualización do código deontolóxico ante os avances da IA, a situación laboral deste colectivo, a adaptación dos plans de estudo universitarios ao novo contexto dixital e a creación de vogalías ou consellos de xénero dentro das asociacións profesionais.
Durante a súa intervención, subliñou que o Xacobeo 2027 será “un importante elemento tractor para atraer congresos, convencións e encontros profesionais internacionais vinculados ao turismo sostible, ao patrimonio cultural e a outros sectores estratéxicos”. Ademais, lembrou que Galicia contará con dous anos santos nun período relativamente curto, os de 2027 e 2032, “o que permite consolidar unha planificación turística estable e con proxección internacional”.
A FAPE está considerada coma a principal organización profesional de xornalistas de España, integrada por 49 asociacións federadas, 16 vinculadas e máis de 17.000 persoas asociadas. A entidade, sen ánimo de lucro, foi creada o 19 de maio de 1922 en Santander.
PUBLICIDADE
Ademais das sesións de traballo, o programa inclúe varias actividades culturais e divulgativas abertas aos asistentes. Entre elas figura unha exposición polo 80 aniversario da asociación anfitrioa na Facultade de Xornalismo, unha visita guiada por Santiago a cargo do escritor Rodrigo Costoya e un percorrido polos edificios patrimoniais da cidade dirixido polo xornalista e escritor Benxamín Vázquez.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, felicitou á Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela polos seus 80 anos de vida e reivindicou o traballo do xornalismo local en Galicia.
PUBLICIDADE
Pedro Blanco salientou a importancia da prensa como motor dunha sociedade crítica e plena de conciencia que busca mellorar colectivamente cada día. Agora ben, neste senso, fixo fincapé no papel que xogan as redaccións locais como tecedoras das vilas e cidades. “A súa proximidade e vontade de servizo público mellora a vida da veciñanza ao garantir o dereito á información para ela independentemente de onde viva”.
Xusto por iso, “grazas á súa resistencia, informando e acompañando a Santiago e a Galicia”, Pedro Blanco incidiu na longa vida da Asociación de Xornalistas compostelá. Instou aos seus integrantes, liderados pola presidenta Xulia Campo, a seguir traballando desde a súa propia vocación, “pola información rigorosa e de calidade e por Santiago de Compostela”.








Comentarios