top of page

A Asociación Emecla de Rodeiro fai o Camiño Portugués da Costa e este domingo será a última etapa

Programa distintas actividades como zumba e unha ciclo de conferencias


Laura Moure/Rodeiro

Despois destes anos de paralización a causa da pandemia, a asociación Emecla da parroquia rodeirense de Álceme retomou a súa actividade. No verán realizou a ruta da Pedra e da Auga e no mes de setembro comezou, unha vez máis, co Camiño de Santiago por etapas. Desta volta, elixiu o Camiño Portugués da Costa.


Tal e como nos indica a presidenta do colectivo, Inés Carballo, empezaron o 4 de setembro dende Viana do Castelo (Portugal) facendo unha etapa en cada sesión dominical e teñen previsto facer a última este domingo, 23 de outubro. Polo xeral, cada día recorreron ao redor duns 20 quilómetros e participou unha trintena de persoas, aínda que a esta última etapa asistirán unhas 43 persoas, xa que se unen máis para poder asistir á misa na catedral e tamén para desfrutar de máis actividades organizadas para ese día en Compostela.

As persoas de Emecla que están realizando o Camiño.

Cada día viaxan acompañados dun "autobús vasoira", porque o rango de idade é variado. "A participante máis nova ten 14 anos e a máis maior, 84. O noso obxectivo é que participen todas as persoas que queiran e se adapte sobre todo á muller do rural. Por exemplo, esta muller máis maior camiña o que pode e despois viaxa no autobús. Ademais, aqueles tramos que vemos que non teñen moito interese cultural facémolo neste vehículo para despois poder centrarnos naquelas que si o teñen", explica Carballo.


A última etapa, a do domingo, partirá dende o Milladoiro, porque xa deixaron poucos quilómetros para poder lograr acceder á misa na catedral de Santiago, onde sempre hai moita xente, e no caso de non poder asistir debido ao aforo, irán ao mosteiro de San Paio de Antealtares. Despois, teñen previsto comer nun restaurante da rúa do Franco e visitar pola tarde o museo de San Martiño Pinario, que contén varias coleccións de arte sacro, tendo despois un tempo libre para visitar o casco histórico e todo o que cada un desexe.


Actividades

Ademais, Emecla xa traballa para retomar as distintas actividades. Así o primeiro mércores de novembro, o día 2, terá lugar ás 18:30 horas a primeira clase de zumba na Casa-Escola da Latiza. Ese día decidirán se se realiza esta actividade máis días á semana e tamén o horario en función do que prefira a maioría. Os interesados en asistir pódense anotar a través do seguinte teléfono 654 123 005 (Inés).

Así mesmo, tamén prepara para os sábados pola tarde distintas conferencias sobre diferentes temáticas como unha de alimentación que estará impartida por un nutricionista, unha sobre técnicas de relaxación, outra sobre protocolo... O colectivo irá concretando as datas de que cada unha delas.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page