top of page

A aparición de restos na zona do antigo camposanto de Silleda activa unha intervención arqueolóxica

29 ago
3 min de lectura

O novo informe determina agora unha escavación manual, oito sondaxes e control arqueolóxico da zona afectada, a Praza da Igrexa


Laura Moure/Silleda

As obras de renovación do parque infantil da praza da Igrexa de Silleda foron paralizadas o pasado luns dende o Concello de Silleda o detectarse restos do antigo cemiterio existente na zona. Nada máis coñecerse o achado, e seguindo as indicacións da autorización que a Dirección Xeral de Patrimonio fixo no seu informe previo dos traballos, comunicouse a esta entidade autonómica na mesma xornada do luns 24 e solicitando

indicacións de cómo proceder.


Onte venres, o Concello vén de recibir a resposta da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no que se concretan as actuacións que deberán realizarse na Praza da Igrexa tras a localización de restos óseos durante os traballos de reforma deste espazo, situado na zona do antigo camposanto parroquial.

Previamente, persoal dunha empresa de arqueoloxía realizou unha primeira inspección no lugar, confirmando a existencia de ditos restos óseos. Desde o Concello incídese en que o achado debe contextualizarse na propia historia deste espazo. A zona da actual Praza da Igrexa formou parte do antigo cemiterio parroquial ata comezos do século XX e posteriormente foi obxecto de distintas transformacións e actuacións urbanas, entre elas intervencións realizadas a finais da década dos anos 80 e a creación do parque infantil que existía ata o inicio da actual reforma.


A reforma contaba previamente coa correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, emitida o 11 de novembro de 2025. No informe arqueolóxico incorporado a aquela autorización sinalábase que, a priori, as obras non afectarían ningún xacemento arqueolóxico coñecido e establecíase como medida protectora que, no caso de aparecer restos durante a execución, estes fosen comunicados decontado a Patrimonio. Foi precisamente este procedemento o seguido polo Concello unha vez producido o achado.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Intervención arqueolóxica de urxencia

Á vista da aparición dos restos, o novo informe de Patrimonio considera necesaria unha intervención arqueolóxica de urxencia antes de continuar os traballos na zona afectada.

A actuación deberá comprender unha escavación manual ata unha profundidade de 20 centímetros nunha superficie aproximada de 145 metros cadrados, así como a realización de oito unidades de sondaxe coincidentes coas zapatas previstas na obra, cunhas dimensións de 1,5 x 1,5 metros e ata un metro de profundidade.


Tamén deberá realizarse a revisión, con control arqueolóxico, da capa de cascallo procedente dos traballos executados ata o momento. O propio informe sinala que esta intervención arqueolóxica require a autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo coa normativa vixente.


O Concello iniciará agora coa maior celeridade posible os trámites necesarios para levar a cabo a intervención arqueolóxica nas condicións establecidas por Patrimonio. Mentres tanto, os traballos permanecerán paralizados na zona afectada.


Unha obra autorizada e suxeita a prazos de execución

Desde o goberno municipal sublíñase que a actuación se está desenvolvendo en coordinación coa administración competente en materia de patrimonio e seguindo en todo momento as condicións da autorización previa. A aparición dos restos activa agora unha nova fase de intervención arqueolóxica, que permitirá documentar adecuadamente esta parte da historia do espazo.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A reforma da Praza da Igrexa conta cun investimento de 192.090,43 euros, financiado pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia. Na comunicación remitida a Patrimonio o Concello solicitou a máxima celeridade posible na determinación das actuacións necesarias, xa que a paralización e a intervención arqueolóxica poden ter incidencia sobre o calendario previsto da obra.


O Concello, que tamén comunicará os feitos á Deputación, confía en poder desenvolver canto antes os traballos arqueolóxicos establecidos e retomar posteriormente a reforma nas condicións que determinen os resultados da intervención e a propia Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page