A ANPA do CEIP de Agolada ofrece como extraescolares fútbol, informática, inglés e tenis
- Laura Moure
- 29 sept 2022
- 2 Min. de lectura
Poñerá en marcha o Plan Concilia e dentro deste promoverá outras iniciativas como patinaxe
Laura Moure/Agolada
A ANPA do CEIP de Agolada promove as actividades extraescolares deste curso académico. Así en principio ofrece as seguintes actividades para os nenos e nenas do municipio: fútbol, informática, inglés e tenis. Xa está aberto o prazo para anotarse, hai prazas libres e todas comezarán no mes de outubro.
A actividade de fútbol está promovida pola ANPA e xestionada pola Sociedade Deportiva Agolada e será os luns e venres. O primeiro día está dirixido para os menores de seis anos e o segundo, para os maiores desta idade. Terá lugar no pavillón municipal e no campo de fútbol respectivamente e será en horario de 16:00 a 17:00 horas.

Ademais os luns de 16:00 a 17:30 horas impartirase no propio centro escolar, na aula da ANPA, informática para nenos a partir dos sete anos.
Os martes e mércores será a quenda de inglés. Nas dúas xornadas haberá dúas sesións, unha de 16 a 17 horas e outra de 17 a 18 horas, en función das idades. Tamén serán na
aula da ANPA.
Por outra banda, os xoves ofértase tenis de 16:00 a 17:00 horas no ximnasio do centro
educativo.
Os interesados poden inscribirse e obter máis información a través do teléfono 659 906 594 (Mónica).
Así mesmo, a ANPA informa que poñerá en marcha o Plan Concilia, que é un servizo
fundamental para contribuír á conciliación da vida familiar e laboral. En concreto, é un servizo no que se atenderá aos cativos durante unha hora antes da entrada ás aulas e
durante tres horas despois da saída. Ademais, dentro deste plan promoveranse máis
actividades, como por exemplo, patinaxe. A ANPA anima a máis familias a anotarse nesta iniciativa, porque así será máis fácil asumir o seu custe mentres non lles conceden a subvención para este fin. Pero poden obter toda a información no teléfono citado en liñas máis arriba.
Comments