top of page
Foto del escritorLaura Moure

A alcaldesa de Silleda reúnese co conselleiro de Sanidade para abordar melloras no ámbito sanitario

Este Concello publica as bases para a contratación dunha persoa con titulación universitaria de grao en Xornalismo ou Comunicación Audiovisua


Laura Moure/Silleda

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, acompañada pola concelleira de Benestar Social e Sanidade, Ángela Troitiño, mantivo este mércores unha reunión co Conselleiro de Sanidade, D. Antonio Gómez Caamaño, para tratar diversas cuestións relacionadas cos servizos sanitarios no municipio.


Un dos temas principais foi a posta en marcha do Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2027, unha iniciativa pioneira en Silleda que busca situar o benestar emocional e psicolóxico da veciñanza no centro das políticas públicas. O Conselleiro mostrou un gran interese pola proposta e comprometeuse a colaborar no seu desenvolvemento. Ademais, agradeceu a invitación da alcaldesa para asistir á presentación oficial do plan, que terá lugar o vindeiro 11 de outubro, coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental,


Outro dos asuntos tratados foi a situación do PAC de Silleda, que actualmente atende a unha poboación de case 14.000 persoas dos municipios de Silleda e Vila de Cruces A alcaldesa solicitou unha maior dotación de persoal, unha demanda unánime de todas as forzas políticas da corporación, acordada no pleno municipal celebrado o 30 de setembro, no que se decidiu solicitar á Consellería o aumento de persoal facultativo no PAC. O Conselleiro comprometeuse a estudar a situación xunto ao equipo de Recursos Humanos da Consellería.

Tamén se abordou a problemática do servizo de pediatría no centro de saúde de Silleda. A alcaldesa insistiu na necesidade de cubrir as baixas e vacacións do persoal para evitar que a atención pediátrica se vexa interrompida, se ben a Consellería de Sanidade informou da dificultade para dispoñer de especialistas en atención primaria para cubrir as baixas, debido ao problema xeralizado de falta de médicos. Ao igual que no caso do PAC, o Concello subliñou que esta é unha reclamación unánime de todas as forzas políticas da corporación municipal, que coinciden na urxencia de garantir un servizo pediátrico continuo. A Consellería comprometeuse a estudar posibles solucións, aproveitando a finalización do período de residencia dos novos facultativos.


En canto ás infraestruturas, falouse das necesarias melloras nos centros de saúde de Silleda e Bandeira. O centro de Bandeira, de titularidade municipal, presenta graves deficiencias estruturais, como filtracións de auga e humidades, que requiren unha actuación integral na cuberta. O Conselleiro solicitou ao Concello unha valoración técnica sobre o custo destas reparacións para buscar unha solución conxunta. No caso do centro de saúde de Silleda, comprometeuse a enviar técnicos da unidade de obras para revisar as filtracións e a fachada ventilada de lousa, que presenta pedras soltas cun posible risco de caída.


A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, declarou: “Agradezo a boa disposición do Conselleiro para atender as demandas que lle trasladamos. A colaboración entre administracións é fundamental para mellorar os servizos sanitarios que se prestan no noso municipio e para dar resposta ás necesidades da nosa veciñanza”.


Oferta de emprego

Por outra banda, O Concello de Silleda publica as bases que rexen o procedemento para a

contratación dunha persoa con titulación universitaria de grao en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, a través do programa Máis Emprega da Deputación de Pontevedra. Esta contratación será de carácter temporal, mediante un contrato formativo destinado a proporcionar experiencia profesional axeitada ao nivel de estudos das persoas seleccionadas.


O contrato formativo terá unha duración de 12 meses a xornada completa, cun salario bruto mensual de 1.981,14 euros, incluídas as pagas extra prorrateadas e demais complementos. O contrato inclúe un período de proba dun mes a partir do inicio da actividade.


A selección das persoas candidatas realizarase mediante un sistema de concurso, baseado na valoración de méritos. As bases do proceso selectivo estarán dispoñibles para o público nas oficinas da Casa do Concello e tamén na páxina web oficial do Concello de Silleda, así como na súa sede electrónica, accesible a través de https://silleda.sedelectronica.gal/info.0 , durante todo o período que dure o procedemento.


As persoas interesadas en participar deberán cumprir, entre outros, os seguintes requisitos:

  • Estar en posesión dun grao universitario en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, ou titulación equivalente segundo as leis vixentes, que permita o exercicio profesional.

  • Estar inscritas como demandantes ou en situación de mellora de emprego no Servizo Público de Emprego.

  • Estar empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra con anterioridade á data de publicación da convocatoria no BOPPO.

  • Non ter superado máis de tres anos desde a finalización dos estudos universitarios, ou máis de cinco anos no caso de persoas con discapacidade.


Publicidade

  •  Non ter experiencia profesional previa na mesma actividade dentro da entidade por un período superior a tres meses.

  •  Non estar contratadas en prácticas noutros programas formativos da Deputación de

Pontevedra no momento da selección.


Presentación de solicitudes

As persoas interesadas que desexen participar no proceso selectivo dirixirán as súas solicitudes ao Concello de Silleda a través do Rexistro Xeral da citada entidade en horario de atención ao público (de 9:00 a 14:00 horas) ou mediante rexistro electrónico dispoñible as 24 horas do día.


As solicitudes deben presentarse no prazo de 3 días hábiles, contados a partir do seguinte á data de citación realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Todas as notificacións relacionadas co proceso selectivo publicaranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Silleda.


0 comentarios

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page