top of page

A Agrupación industrial da Madeira e o Deseño de Galicia homenaxea a Abeiro da Loba, en Sobrado

24 sept
3 min de lectura

A entidade pon en valor esta intervención de Estévez e González Arquitectos como exemplo dunha arquitectura que integra madeira, rehabilitación, circularidade, eficiencia enerxética, patrimonio e paisaxe


Laura Moure/Sobrado

A Agrupación industrial da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) homenaxea a rehabilitación Abeiro da Loba, en Sobrado, con motivo do Día Mundial da Construción Sostible. Para conmemorar esta efeméride, o presidente do CMD, José Manuel Iglesias, acompañado do alcalde de Sobrado dos Monxes, Luis Lisardo Santos; o vogal da Xunta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Miguel Plata; os arquitectos da obra, Miguel Estévez e Luciano González, Estévez e González Arquitectos; o director de execución da obra, Arturo, Pérez, e o promotor da obra, Alejandro Sánchez, celebraron un acto simbólico para poñer en valor esta intervención que reúne os principais criterios de sustentabilidade que protagonizan esta efeméride.


Os asistentes ao acto, guiados polos arquitectos responsables da obra, puideron visitar as instalacións do centro e coñecer, ao detalle, as diferentes solucións e aplicacións da madeira incorporadas no proxecto.

Madeira, circularidade e tradición construtiva

A madeira desempeña un papel fundamental na intervención, tanto desde o punto de vista estrutural como na súa relación coa identidade da arquitectura tradicional. A solución combina novos pórticos, forxados e unións cos muros existentes e o emprego de materiais tradicionais. Un dos seus aspectos máis representativos desde o punto de vista da sustentabilidade é a reutilización de elementos da antiga construción. A lareira, restos do forno, a maseira, a base dun hórreo desaparecido, a canle un antigo muíño, vigas ou dinteles de pedra atopan unha nova función dentro do proxecto. A intervención mostra así como os principios de circularidade e aproveitamento eficiente dos recursos poden integrarse de xeito natural na rehabilitación arquitectónica.


Unha arquitectura adaptada perfectamente á contorna

A sustentabilidade do proxecto esténdese tamén ao comportamento enerxético do edificio. A rehabilitación incorpora estratexias bioclimáticas pasivas, entre elas ventilación cruzada, control solar mediante vexetación de folla caduca, vidros mellorar o control térmico e o aproveitamento da auga para favorecer a inercia térmica e xerar un microclima.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Sustentabilidade como ferramenta para revitalizar o medio rural

Para o CMD, Abeiro da Loba representa tamén a capacidade de rehabilitación para xerar novas oportunidades no territorio. Unha construción que adquire unha nova vida vinculada a unha actividade económica relacionada co Camiño de Santiago.


O proxecto sintetiza unha visión da construción sostible especialmente vinculada a Galicia: rehabilitar antes que substituír; conservar e reutilizar; empregar a madeira e os sistemas tradicionais desde unha perspectiva contemporánea; reducir as necesidades enerxéticas mediante o deseño; e entender a arquitectura como parte inseparable da paisaxe e do territorio. Con este recoñecemento, o CMD recoñece unha cultura construtiva baseada en aproveitar os recursos, intervir onde é necesario e poñer en valor os materiais, o coñecemento e o patrimonio local, principios que constitúen unha referencia para avanzar cara a unha construción máis sostible e comprometida co territorio.


A madeira, a gran aliada para camiñar cara a un futuro sostible

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Construción Sostible, o CMD quere destacar unha serie de características da madeira que a converten nunha gran aliada na loita contra o cambio climático e na mellora da calidade de vida.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.
  • A madeira ten un impacto psicolóxico nas persoas e efectos redutores na tensión similar á natureza no seu conxunto. Por iso é importante non só construír en madeira, senón tamén empregala nos espazos interiores e exteriores para alcanzar o efecto terapéutico buscado.

  • Xa na construción, un maior uso dos produtos de madeira estimula a expansión dos montes e a redución dos gases de efecto invernadoiro.

  • O uso da madeira na construción permite aforrar enerxía ao longo da vida útil do edificio, xa que a súa estrutura celular proporciona un illamento térmico excelente: 15 veces mellor que o formigón, 400 veces mellor que o aceiro e 1.770 veces mellor que o aluminio.

  • Un metro cúbico usado en substitución doutros materiais reduce as emisións de CO2 en 1,1 toneladas. Se a isto engadímoslle as 0,9 toneladas de CO2 almacenadas na madeira, cada metro cúbico de madeira aforra un total de 2 toneladas de CO2.

  • As emisións de CO2 xeradas pola construción dunha casa de formigón permitirán a construción da mesma casa de madeira e quentala durante 27 anos.

  • Ademais, o 15% da madeira procedente de edificios e demolicións poderíase volver empregar como madeira de serradoiro e un 36% podería reciclarse en taboleiros e outra boa porcentaxe podería xerar enerxía limpa.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page