top of page

A AED presenta os seus servizos a empresarios do Irixo para captar asociados dese concello

A asociación organiza o martes un xornada de formación para a hostalaría sobre

o servizo de mesa, impartida por Gabriel Vilar Longarela


Laura Moure/Deza

O presidente da Asociación de Empresari@s de Deza (AED), David Campos, e o vicepresidente, Jaime Pereira, mantiveron este venres unha reunión co alcalde do

Irixo, Manuel Cerdeira, e unha quincena de empresarios deste municipio co obxectivo de avaliar a posibilidade de que se afilien á AED e de estudar opcións de colaboración.


A reunión, celebrada no Consistorio do Irixo, foi promovida polo propio alcalde coa finalidade de que os autónomos e as pemes deste municipio limítrofe con Lalín e Dozón poidan beneficiarse da ampla carteira de servizos que ofrece a AED.

No transcurso do encontro, David Campos e Jaime Pereira resaltaron como principais vantaxes para afiliarse á AED os diferentes cursos de formación, os servizos do Departamento de Emprego (Bolsa de Emprego, Ofertas de emprego, Axente de Emprego e Programa Integrado de Emprego), a utilización gratuíta das instalacións da AED, as condicións preferentes dos 14 convenios asinados con terceiras empresas, o asesoramento e información (xurídica, fiscal, laboral, mercantil e de xestión de subvencións) e a organización de campañas de dinamización do comercio e a hostalaría.


Ao remate da reunión, David Campos realizou un balance “satisfactorio” desta “primeira toma de contacto”, porque, “a pesar de tratarse dun concello da provincia de Ourense, é colindante coa Comarca de Deza e a algúns empresarios locais encáixalles reforzar máis relación cunha vila como Lalín que co Carballiño”. “Para a AED toda incorporación de asociados é boa, porque o feito de ter máis ingresos recurrentes danos máis autonomía e reduce a dependencia das achegas externas para poder seguir ofrecéndolle aos nosos asociados máis e mellores servizos”, valorou David Campos.


Ciclo de formación da hostalaría

Por outra banda, a Asociación de Empresari@s de Deza organiza o vindeiro martes en colaboración co Concello de Lalín a segunda xornada do Ciclo de Formación para a Hostalaría, que se centrará no servizo de mesa (nivel básico) e que será impartida por Gabriel Vilar Longarela.


A sesión formativa celebrarase das 17:00 ás 20:00 horas nas instalacións da AED e, tendo en conta que as prazas son limitadas, os profesionais interesados deben inscribirse chamando ao teléfono 986 78 70 91 ou enviando un correo electrónico ao enderezo asociacion@aedeza.com

Entre os temas que se abordarán figuran a deontoloxía do persoal de restaurante, a brigada dun restaurante, os tipos de restauración, as distintas ofertas gastronómicas, os tipos de montaxes e eventos, os tipos de servizos, as mecánicas do servizo, a atención aos clientes e o servizo de bebidas nun restaurante.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page